Eventos
Mondoñedo celebrará o fin de ano con dous eventos que se celebrarán na Praza da Catedral o día 31 de decembro, martes.
O primeiro serán as Campanadas Infantiles, que están programadas para as 11:30 horas e a organización anuncia que haberá “reparto de gomiuvas, cotillón y mucha música y diversión”.
E desde as 23:45 horas haberá un acto para comer as uvas e despois fogos de artificio co novo ano.
O pavillón municipal de Alfoz acollerá actividades e xogos para nenos, nenas e rapazada os días 29 e 30 de decembro, domingo e luns, desde as 17:30 ata as 20:30 horas.
“Dende a Área de Cultura invitámosvos a que veñades rematar o ano de xeito moi divertido a Alfoz: xogos, inchables, pintacaras, toro mecánico, láser tag, etcétera. Actividades ata os 18 anos totalmente de balde”, anuncia o Concello de Alfoz.
A Asociación Cultural e Lúdica Catro Caños, de Ribadeo, organiza unha festa pre fin de ano este sábado, día 28 de decembro, nunha carpa instalada no parque ribadense.
Haberá racións de caldo a partir das 21:00 horas, monólogo de Federico Pérez ás 22:30 horas, badaladas, uvas, champán, actuación de La disquetera (grupo de versións de pop e rock español) e DJ Tralla ata peche; “para vivir unha noite inesquecible nestas festas”, din os organizadores.
O Concello do Vicedo organiza unha excursión a Xuvelugo para este sábado, día 28 de decembro. A saída desde O Vicedo será ás 14:45 horas.
O prazo para apuntarse nesta actividade gratuíta está aberto ata este venres 27 no teléfono 982.59.01.95. Está dirixida a rapaces ata os 17 anos de idade e os menores de 10 anos deberán ir acompañados dun adulto.
O Concello do Vicedo explica que para esta actividade “hai dúas formas de poder desprazarse a Lugo, en autobús ou en coches particulares. Tanto a entrada como o bus son gratuítos tanto para os nenos e nenas como as súas familias xa que o obxectivo é pasar unha xornada familiar xuntos”.
A parroquia da Órrea, no concello de Riotorto, celebra a Festa da Cocha este sábado, día 28 de decembro.
As actividades comezarán ás 12:00 horas con misa na honra a Santa Comba e San Silvestre. A continuación a sesión vermú estará amenizada polo dúo Venus, que tamén actuará na verbena, desde as 23:00 horas. E a media noite haberá chocolatada.
O Concello de Cervo anuncia un novo Guateque de Arruguiñas, que terá lugar este xoves, día 26 de decembro, ás 19:30 horas na Casa do Mar de San Ciprián, coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar. Actuará o dúo D´Caché.
Ademais o alumnado de II BACH ofrecerá un bingo, en colaboración coa Oficina Municipal de Voluntariado Xuvenil.
O Concello de Cervo o prazo para os nenos e nenas de 3 a 12 aos de idade que queiran participar como paxes na Cabalgata de Reis de San Ciprián, que se celebrará o día 5 de xaneiro.
O Concello de Cervo anuncia: “estamos xa preparando a Cabalgata de Reis en San Ciprián. Se queres participar como paxe podes anotarte na Casa da Cultura”. O prazo remata o luns 30 de decembro.
Colaboran a ANPA do Ceip Península da Paz e a asociación Mulleres de San Ciprián.
A asociación cultural Fervenza de Sargadelos organiza un evento denominado Noiteboa infantil. Será este martes, día 24 de decembro, na Praza do Souto, de Cervo, desde as 18:00 horas.
As actividades empezarán cunha actuación de maxia a cargo de Dani García - Tin (maxia). As 19 horas haberá chocolatada e media hora despois recibirán a visita de Papá Noel. Tamén haberá sorteos de agasallos.
O Concello de Riotorto organiza unha excursión dos nenos/as do concello de Riotorto a Xuvenlugo. Será este xoves, día 26 de decembro, e é para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e os 16 anos.
A saída será desde o CEIP de Riotorto ás 15:30 horas. En canto aos prezos desta actividade, para os nenos é gratuíto, pero os acompañantes deben pagar 10 euros por persoa, que inclúe merenda nas propias instalacións ou nun restaurante.
O horario de apertura das instalacións é de 16:30 a 21 horas. Poderá acudir un acompañante con cada neno ou nena.
Aquelas persoas que queiran participar nesta actividade deberán anotarse no Concello antes do día 25 de decembro.
O Concello do Valadouro anuncia que “o 24 de decembro todos os nenos/as teñen unha cita con Papá Noel en Ferreira do Valadouro! Ás 12:00 horas, saída da comitiva moteira diante do Antigo Matadoiro.
Ás 12:30 será a emocionante recepción con Papá Noel, na Praza de Santa María. Teremos música de panxoliñas interpretadas pola Asociación Cultural Amado Lar e degustación de churros con chocolate. E non esquezades o concurso da moto máis vistosa, con premios en vales en material moteiro; adorna a túa moto e inscríbete xa. A inscrición para participar pode realizarase o martes, día 24, desde as 11:15 ata as 12:00 horas na Praza de Santa María”.
Para organizar este evento o Concello do Valadouro conta coa colaboración do Moto Clube Valadouro e Asociación Cultural Amado Lar.