Eventos
Este venres, día 3 de xaneiro, haberá Lásertag e inchables na carpa instalada na Praza dos Campos, de San Ciprián. Será de 17:00 a 19:00 horas.
Esta actividade forma parte da programación de Nadal do Concello de Cervo.
Os Reis Magos visitarán Trabada e percorrerán a localidade este sábado, día 4 de xaneiro, desde as 18:00 horas.
Esta cabalgata está organizada pola asociación cultural O Picato, que anuncia: “a pesar de que están con moito traballiño, Melchor, Gaspar e Baltasar non queren deixar de visitar o noso pobo para ver as cariñas de emoción de pequenos e grandes e saber qué pedirán para o gran día. Sairán da explanada do centro de saúde ata o Pavillón Municipal, acompañados de música tradicional. Farán unha paradiña para visitar aos maiores da residencia e dende alí seguirán o seu percorrido ata o Pavillón, onde entregarán a cada pequen@ o seu agasallo. Por último disfrutaremos dunha chocolatada con roscón”.
O Concello de Cervo anuncia que a tradicional Festa Acuática Infantil non faltará este Nadal. Será este xoves, día 2 de xaneiro, a partir das 17.00 horas na piscina municipal de Leiro, con entrada de balde.
As crianzas menores de 7 anos deben ir acompañadas por unha persoa adulta, igual que as menores de 10 anos que non saiban nadar.
A carpa instalada na Praza dos Campos, de San Ciprián, acollerá unha Festa Fin de Ano desde as 01:30 horas deste mércores, día 1 de xaneiro de 2025.
Este evento forma parte da programación de Nadal organizada polo Concello de Cervo, que anuncia: “Que mellor que comezar o ano na gran festa que celebraremos na Praza dos Campos despois de comer as uvas. Este é o planazo que temos preparado para este 1 de xaneiro con Discomóbil Conxuro”.
Mondoñedo acollerá un Escape Room sobre o escritor Álvaro Cunqueiro este domingo, día 5 de xaneiro, a partir das 16:00 horas. Será na Casa Museo Álvaro Cunqueiro con entrada de balde.
Esta actividade está organizada pola Asociación Xuvenil Xoldra, que anuncia: “sumérxete no universo literario do gran autor mindoniense e pon a proba as túas habilidades resolvendo enigmas inspirados nas súas obras e na súa cidade natal. Inscribe o teu grupo de 3 a 6 participantes enviándonos unha mensaxe directa ou un correo a xuvenilxoldra@gmail.com. Premio ao grupo máis veloz”.
O Concello de Riotorto, coa colaboración das asociacións veciñais e culturais do municipio, organiza un baile de fin de ano, que comezará ás 01:00 horas da madrugada deste mércores, día 1 de xaneiro.
A entrada é gratuíta, haberá servizo de bar, estará amenizado coa música do dúo Estrellas e ás 05:30 horas repartirán chocolate gratis para todos os asistentes.
Burela celebrará unha Festa de Fin de Ano na madrugada deste mércores, día 1 de xaneiro.
O Concello de Burela convida á veciñanza a súa Festa de Fin de Ano na Praza da Mariña: “celebraremos a chegada do 2025 de 0:30 a 5:30 horas, en compañía da música do dúo D'Vicio. Haberá carpa e a barra do bar estará xestionada polos socios e socias de ACIA Burela”.
A Pontenova celebrará unha festa de Aninovo no Local das Asociacións a partir das 01:00 horas deste mércores, día 1 de xaneiro.
Este evento, que estará amenizado coa música a cargo de DJ Bombardero, está organizado polo Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova coa colaboración do Concello.
A Praza dos Campos, de San Ciprián, acollerá un Bingo Musical este xoves, día 2 de xaneiro, ás 19:00 horas. É unha actividade incluída na programación de Nadal do Concello de Cervo, que anuncia: “este Nadal, como novidade, contaremos cun Bingo Musical da man do alumnado de II de Bacharelato en colaboración coa oficina municipal de voluntariado xuvenil”.
Haberá chocolate con sobremesas típicas do Nadal.
Para esta actividade o Concello de Cervo conta coa colaboración de Discomóvil Conxuro.
O xoves 2 de xaneiro celébrase o Nadal na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, cunha actividade de animación á lectura na cal os nenos e nenas se converterán en auténticos detectives para resolver "O misterio das cartas dos Reis Magos".
É unha actividade para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Hai 30 prazas dispoñibles e para participar hai que anotarse no Whatsapp da Biblioteca: 604.08.42.01.