San Martiño
O grupo teatral O Centiño, da parroquia focega de San Martiño, representará a obra titulada Trepa, Tripa e Tropa no Local Social de Bravos (Ourol) este domingo, día 23 de marzo, ás 18:30 horas.
A Asociación Cultural Recreativa Deportiva Aturuxeiros, de Bravos (Ourol) explica: “esta nova obra de O Centiño fainos reflexionar sobre os defectos humanos que nos afastan da felicidade. Cunha boa dose de humor e mensaxe, seguimos explorando o teatro que nos fai rir... e pensar. Dende 2015 este grupo de San Martiño leva enchendo os escenarios con comedia e reflexión. Agora presentan unha historia sobre humildade, bondade e o que realmente importa. Humor, teatro e mensaxe! Entrada con Taquilla inversa”.
O grupo de teatro O Centiño, de San Martiño (Foz), representará a obra Trepa, Tripa e Tropa na Casa da Cultura de Alfoz o día 15 de marzo, sábado, ás 20:00 horas.
“Unha comedia divertida para todos os públicos que nos fará reflexionar sobre os defectos humanos e o que realmente significa conquistar a vida. Un espectáculo máxico e cheo de aprendizaxes!”, anuncia o Concello de Alfoz.
O grupo teatral O Centiño, de San Martiño (Foz), representará a obra titulada A morte morrida en Trabada o día 1 de febreiro, sábado. Será ás 21:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada de balde.
Esta actividade está incluída no ciclo teatral organizado polo Concello de Trabada que recomenda: “non perdas esta oportunidade para gozar dunha noite de teatro única e chea de emocións”.
A parroquia focega de San Martiño celebrará as festas na honra do seu patrón desde o venres 8 ata o domingo 10 de novembro.
As actividades comezarán o venres con verbena amenizada polo dúo Estrellas e Conxuro Discomóbil
O sábado haberá sesión vermú a partir das 13:30 horas, co grupo Eureka, que tamén actuará na verbena xunto a Conxuro Discomóbil.
E o domingo a partir das 13:00 horas celebrarase misa solemne e procesión acompañada polo grupo de gaitas A Subela. E a continuación haberá sesión vermú amenizada polo grupo Toxo Guayaba.
Os organizadores destes festexos destacan que disporán de carpa con calefacción.
A parroquia de San Martiño, no concello de Foz, celebrará as festas do Carme esta fin de semana, do venres 19 ao domingo 21 de xullo.
As actividades comezarán o venres ás 21:00 horas cunha pancetada e a partir das 22:30 horas haberá verbena coas orquestras Fania Blanco Show e Grupo Beatriz.
O sábado ás 13:30 horas celebrarase misa e despois procesión e sesión vermú co grupo Fénix, que tamén actuará na verbena xunto á Discomóvil Conxuto.
E o domingo haberá misa solemne ás 13:30 horas e a continuación procesión e sesión vermú co grupo Toxo Guayaba.
A asociación O Carmen, da parroquia focega de San Martiño, organiza unha viaxe para asistir á gravación do programa Bamboleo, da Televisión de Galicia, o día 4 de xuño, martes. A saída será ás 16:00 horas desde o aparcamento da basílica de San Martiño.
“Estamos a preparar as Festas do Carmen - San Martiño 2024 e fomos escollidos para participar no concurso das asociacións do programa Bamboleo, da TVG. Gustaríanos que nos acompañarades e para iso poñemos a disposición dos veciños a posibilidade de ir en bus a desfrutar da gravación do programa e apoiarnos no concurso. Tedes ata o día 21 de maio para anotarvos. Animádevos e contactade con nós para acudir de público”, explica a asociación O Carmen.
A parroquia focega de San Martiño celebra as súas festas patronais desde este venres 10 ata o domingo 12 de novembro.
As actividades empezarán o venres cunha verbena amenizada polo D´Vicio e Conxuro Discomóbil. O sábado a partir das 13:00 horas celebrarase misa solemne e a continuación haberá sesión vermú amenizada polo grupo Mar d’Arousa, que tamén actuará na verbena con Conxuro Discomóbil. E o domingo a partir das 13:00 horas celebrarase misa solemne e procesión. E despois terá lugar a sesión vermú amenizada polo grupo Toxo Guayaba.
No campo da festa haberá carpa con calefacción.
A Asociación Cultural O Centiño, de San Martiño, organiza a sexta edición da súa gala solidaria, que se celebrará este sábado, 17 de decembro, ás 20:30 horas no salón de actos do colexio Martínez Otero, de Foz.
O grupo teatral de O Centiño representará a súa obra titulada De poucas luces e no intermedio actuarán as pandereteiras de A Subela.
A entrada é gratuíta e no descanso recolleranse doazóns para Cáritas.
Para este evento a Asociación Cultural O Centiño conta coa colaboración da Fundación Martínez Otero e da Asociación Cultural A Subela.
O grupo teatral O Centiño de San Martiño, de Foz, estrea a obra A morte morrida. A representación terá lugar o 29 de maio ás 19:00 horas no local social de Ferreiravella, en San Martiño. Haberá prazas limitadas.
A obra aborda o tema da xubilación e da morte para crear unha mestura que podería semellar macabra pero que remata sendo divertida. Conta a historia de Crispín quen ven de xubilarse no banco e está deprimido. Non soporta a inactividade da súa forma de vida e cre adiviñar que así, sen estímulo para vivir, a morte virá buscalo axiña. Faille a vida imposible a súa muller Benilde e o seu amigo Reigosa tenta animalo para recuperar o ánimo.