
O concello de Cervo será o escenario o domingo 13 de abril da II Ruta Cabalar organizada pola asociación Cabaleiros da Bidueira, coa colaboración do Concello de Cervo. A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés; polo edil de Zona Rural, Adrián Arias, e por unha representación dos membros da asociación organizadora no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.
A saída está prevista para as 10:00 horas desde o pavillón de San Román; haberá aperitivo para os participantes á metade da ruta, que será duns 15 quilómetros aproximadamente; sesión vermú e baile no polideportivo da man de Disco Móbil Conxuro; e xantar a base de paella, costela asada, sobremesa, bebida e chupito. O prezo será de 26 euros para os adultos e de 13 euros para os nenos, e poden asistir tanto os participantes da ruta como o resto de persoas que o desexen, con ou sen cabalo. As inscricións -nos teléfonos 657.25.64.08 ou 677.53.92.85- poden formalizarse ata o 10 de abril.
A rexedora quixo darlle os parabéns á asociación Cabaleiros da Bidueira, un colectivo de recente creación integrado por veciños e veciñas que comparten a súa paixón polo mundo ecuestre e que son os “verdadeiros artífices desta iniciativa que xa vai pola segunda edición e que é moito máis que un percorrido polas paisaxes de Cervo, é unha oportunidade para descubrir o que pode ofrecer o noso concello desde outra perspectiva a lombos dun cabalo; e ademais é unha xornada de convivencia das que fan pobo, polo que animamos a todos, veciños e visitantes, amantes do mundo equino, ou simplemente a quen queira pasar unha xornada en boa compañía, a que veñan desfrutar desta II Ruta cabalar a Cervo”.