Bibiana Candia, autora da novela Azucre, vai estar o luns, 21 de marzo, na Mariña facendo unha dobre visita: na Biblioteca de Alfoz ás 18:00 horas e
na Librería Bahía, de Foz, ás 20:30 horas.
Segundo explica Cielo Fernández “este dobre encontro xurde da colaboración de dous clubs de lectura: o que dende hai xa dous anos está funcionando en Alfoz, promovido polo Concello, e A carón dos libros, o club que puxemos en marcha desde a Librería Bahía de Foz hai un mes”.
Os encontros organizados desde os clubs de lectura son abertos para todo o público.
Azucre é unha novela baseada no episodio histórico que foi a venda por parte dun potentado galego afincado en Cuba, Urbano Feijoo Sotomayor, de preto de 2.000 mozos galegos como escravos para traballar nas plantacións de caña de azucre. Bibiana Candia recrea este episodio, e dálle humanidade centrándoo na historia dun grupo de rapaces que quen lee vai coñecendo e querendo ao longo do relato: desde que saen da súa aldea cheos de medo e de ilusión ata o final, que non vai ser igual para todos eles. Escrita cunha linguaxe poética, en fragmentos curtos, con moita precisión narrativa , é unha novela que nos atrapa desde o primeiro momento e fica con nós logo de rematar de lela.
“Editada por unha editorial pequena, Pepitas de Calabaza, está tendo un enorme éxito e pensamos que ter a posibilidade deste encontro coa autora aquí, na Mariña, é unha oportunidade que cómpre non deixar pasar”, dixo Cielo Fernández.