Ata o vindeiro 31 deste mes de xullo na Sala de Exposicións da Antigas Carboeiras de Sargadelos e no Museo Provincial do Mar permanecerá aberta a mostra fotográfica titulada A Mariña Somerxida, con obras de Hugo Fernández e Carlos Gil.
Esta exposición presenta cincuenta instantáneas orixinais dos fondos mariños da costa de Lugo. Promovida polo GALP A Mariña Ortegal e organizada por Maremasma, é unha mostra dun patrimonio natural descoñecido pola maioría. Pon en valor a biodiversidade somerxida, e o visitante poderá coñecer o arte dos oficios mariñeiros e as diferentes formas de vida ligadas ao mar, así como a importancia dos seus recursos e os seus incribles habitantes.
A exposición pretende ademais ser un referente para a concienciación e divulgación mariñá, xa que para poder conservar o seu patrimonio natural coas especies únicas que hai nestas augas, é necesario coñecer que vive somerxido nelas.