O Eido Dourado, en Barreiros, acolle este domingo, 2 de agosto, a presentación do disco "Compromiscuo" de Vadim Yukhnevich e Abraham Cupeiro.

O Eido Dourado, en Barreiros, acolle este domingo, 2 de agosto, a presentación do disco "Compromiscuo" de Vadim Yukhnevich e Abraham Cupeiro.
 
O Eido Dourado ofrecerá este domingo, 2 de agosto, un novo concerto dentro da súa programación estival. Trátase da presentación do disco Compromiscuo, un traballo conxunto dos músicos Vadim Yukhnevich e Abraham Cupeiro. A cita terá lugar ás dez da noite e a entrada será gratuíta.
 
Celso Dourado, impulsor deste espazo cultural, recalcou a calidade desta nova aposta musical:  “no Eido Dourado sempre procuramos traer aquelas propostas que aporten algo ao panorama actual. Neste caso presentase o disco Compromiscuo, que corresponde a dous grandísimos músicos, o bielorruso Vadim Yukhnevich e o galego Abraham Cupeiro. Fan unha mestura realmente moi interesante de ritmos de orixe balcánica da Europa do Leste cunha fonda tradición celta. Recordamos que Abraham é un gran lutier, é un gran músico investigador, e reproduce instrumentos case desaparecidos como é o caso do carnyx. De aí que saquen un produto moi pero que moi interesante. Fan unha especie de escenografía con todos estes instrumentos que resulta realmente marabillosa. Estiveron facendo promoción do disco en Madrid e foi todo un éxito dada a orixinalidade do proxecto”.
 
O artista barreirense anima aos veciños e visitantes da comarca a achegarse pola praia da Pasada, en Barreiros, e pasar un anaco gozando da música: “debido unha vez mais á amizade que me une con eles van presentar o disco no Eido Dourado con toda a súa amplitude. A entrada é libre e gratuíta e aquelas persoas que desexen escoitar  unha nova proposta están invitados a este espectáculo. Espero que o tempo nos axude e que saia unha noite fermosa. Merece a pena pola singularidade da proposta e ao mesmo tempo polos instrumentos realmente orixinais e pintorescos aos que Abraham Cupeiro lles fai sacar uns sons impresionantes”.