O auditorio ribadense de Cabanela acollerá un concerto e unha churrascada da Banda Municipal de Música de Ribadeo este sábado, 8 de agosto.

O auditorio ribadense de Cabanela acollerá un concerto e unha churrascada da Banda Municipal de Música de Ribadeo este sábado, 8 de agosto.
 
O auditorio ao aire libre de Cabanela, no paseo marítimo ribadense, acollerá un concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo e unha churrascada organizada pola asociación Amadores da Música. Será este sábado, día 8, a partir das 21 horas.
Este evento está incluído dentro do intenso programa de actividades da banda de música ribadense para este mes de agosto, que empezou o pasado día 1 coa actuación xunto co trío Vaamonde, Lamas e Romero no parque ribadense de San Francisco, dentro da programación da Xira a Santa Cruz organizada pola asociación Amigos da Gaita Galega. O seguinte acto será o concerto da sección de percusión da Banda de Ribadeo xunto co grupo Calabash, que terá lugar este venres, día 7, ás 22:30 horas no Cine Teatro, dirixido por Marcos Rodríguez Rodríguez.
O venres 14 de agosto ás 22:30 horas nas inmediacións do parque de San Francisco actuará a sección de vento-madeira da Banda xunto co grupo Clarinet Connection, coa dirección de David Ballester Martínez, que tamén dirixirá o concerto da Banda Municipal de Ribadeo programado para o día 16 de agosto, festividade de San Roque, despois da procesión. Ademais actuará nun festival de bandas que terá lugar na localidade pontevedresa de A Guarda o 22 e ao día seguinte, o 23, no Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo, concerto que se celebrará no auditorio municipal Hernán Naval ás 21:30 horas.
A actividade de Amadores da Música para este mes continuará o día 25, martes, cunha actuación da sección de vento-metal da Banda xunto co quinteto de metais Ribadeo Brass, baixo a dirección de Rubén Solloso Irimia. Será ás 22:30 horas nas inmediacións do parque de San Francisco.
E a intensa actividade da Banda Municipal de Música de Ribadeo para este mes de agosto rematará o venres 28 cun concerto de música de cine con proxección de imaxes das películas, dirixido por David Ballester Martínez. Será no ribadense parque de San Francisco ás 22:30 horas.