O 25 de xullo no Campo da Cabana, en Foz, preséntase a proxección fotográfica "Riquezas paisaxísticas e arquitectura histórica da Mariña de Lugo", de Xesús do Breogán.

O 25 de xullo no Campo da Cabana, en Foz, preséntase a proxección fotográfica "Riquezas paisaxísticas e arquitectura histórica da Mariña de Lugo", de Xesús do Breogán.
 
O vindeiro luns, 25 de xullo, no polideportivo Campo da Cabana, ás 22:30 horas, presentarase a proxección fotográfica Riquezas Paisaxísticas e Arquitectura Histórica da Mariña de Lugo, de Xesús do Breogán. O acto está organizado polo Concello e por Sempre Foz e conta co patrocinio do Centro Comercial Aberto.
 
Xesús do Breogán explicou que “trátase de dar a coñecer ao turista e tamén aos veciñas e veciñas de Foz todas as riquezas paisaxísticas que temos aquí. Precisamente o programa titúlase Riquezas Paisaxísticas e Arquitectura Histórica da Mariña de Lugo”.
 
O autor da proxección subliñou que “hai na Mariña unhas cinco cataratas, unha delas ten trinta metros de altura, as outras andan polos quince, que a xente non as coñece. Temos os eucaliptos de Chavín, tampouco son coñecidos pola inmensa maioría; está Pena Abaladoira en Alfoz que tampouco a xente aquí a coñece, é unha pena enorme que se move co impulso humano. Sae tamén algún curro como o de Santo Tomé”.
 
Xesús do Breogán comentou que “son fotografías exclusivamente miñas coa colaboración de Diseño Touche, que tamén me cedeu algunha e unha rapaza de Mondoñedo que me mandou algunha foto da Cova do Rei Cintolo. Saen a praia das Catedrais e os montes como Santa Cruz en Ribadeo, o monte Comado en Barreiros do que se tiran incluso en parapente, ou A Frouxeira en Foz e Cornería. Tamén está o monte San Roque de Viveiro e o Monte Castelo de Burela, que son lugares onde a paisaxe que se ve é impresionante”.
 
Xesús do Breogán salientou que “tamén hai unha serie de fotos da Catedral mindoniense, a igrexa dos Remedios, o Hospital e o Seminario en Mondoñedo. En Foz temos a basílica de San Martiño e o Castro de Fazouro, en Ribadeo a Torre dos Moreno e o Cargadoiro, en San Cibrao o faro en Punta Atalaia. En Viveiro están as igrexas de San Francisco e Santa María do Campo e os conventos, entre outras moitas propostas que poderán coñecer os que se acheguen o luns ao Campo da Cabana”.
 
Xesús do Breogán contou coa colaboración de Carmen Seco e Juan Varela. O acto está organizado polo Concello de Foz e Sempre Foz e conta co patrocinio de CCA-ACIA Foz.