O Concello de Xove convoca un concurso fotográfico polo Día Mundial do Medio Ambiente. O prazo de presentación de traballos remata o 24 de maio

O Concello de Xove convoca a terceira edición do concurso fotográfico para conmemorar o Día do Mundial do Medio Ambiente co título “Cal é o teu lugar preferido de Xove?”. O prazo de recepción dos traballos rematará o venres 24 de maio de 2024 ás 00.00 horas.

O Departamento de Medio Ambiente do Concello de Xove co obxecto de, mediante a imaxe e a súa reflexión, incentivar a participación cidadá na protección do medio ambiente, anuncia as bases para a participación no III Concurso Fotográfico do Día Mundial do Medio Ambiente.

Explican que “coa posta en marcha deste concurso preténdese potenciar coñecemento do medio natural do noso concello. Para a consecución deste obxectivo buscamos a imaxe preferida de cada participante do espazo natural (praia, campo, monte, río, xardín, árbore, pena,…) do concello de Xove. Pode ser unha fotografía dese lugar ou dunha persoa realizando algunha acción nesa contorna natural”.

Poderá participar no concurso calquera persoa, que deberá enviar as fotografías por correo electrónico a medio.ambiente@xove.es. No correo electrónico, ademais da fotografía participante, haberá que incluír tamén a seguinte información: o nome, apelidos e data de nacemento da autora ou autor; descrición ou título da fotografía e localización; número de teléfono de contacto; declaración responsable asinada; no caso dos menores de idade tamén se especificará nome, apelidos e teléfono de contacto das nais/pais ou titora/titor legal; se na fotografía aparecen persoas deberán indicarse os seus datos e a conformidade para ser fotografada/o; tódalas fotografías do concurso poderán ser expostas ou publicadas en internet ou impresas en folletos e publicacións de promoción do Concello de Xove, para súa difusión sen ánimo de lucro, pero as fotos seguirán sendo propiedade dos autores; as imaxes deberán ser realizadas polos propios participantes e en ningún caso se aceptarán imaxes copiadas ou realizadas por persoas distintas das participantes; a/o participante asinará unha declaración responsable de ser a/o autor/a da fotografía que presenta, que enviará xunto á mesma ó correo medio.ambiente@xove.es; no caso de que o/a participante sexa menor de idade a declaración responsable será asinada polo seu nai/pai ou titor/a legal.

Cada participante poderá presentar unha soa fotografía, que deberá enviarse en formato JPG e nun tamaño mínimo de 1 MG e máximo de 10 MG; a organización do concurso adaptará as fotografías á capacidade da rede na que vai ser publicada; o prazo de recepción dos traballos comezou o xoves 2 de maio e rematará o venres 24 de maio de 2024 ás 00.00 horas.

O luns 27 de maio as fotografías participantes serán publicadas, por categorías, na páxina de Facebook do Concello de Xove, onde a cidadanía poderá votar pola súa foto favorita ata o luns 3 de xuño, ás 00:00 horas.

As categorías de participación son: infantil, ata os 12 anos; xuvenil,  de 13 a 17 anos (ambos incluídos); e adulto, de 18 anos en diante.

A foto que máis «ME GUSTA» acade será considerada a máis votada en cada categoría e polo tanto a gañadora da mesma. No caso de empate a vencedora será a que conteña máis «ME ENCANTA». As/os gañadoras/es daranse a coñecer o mércores 5 de xuño a través da mesma páxina de Facebook do Concello de Xove, así como na web www.xove.es. O mesmo día (5 de xuño) comunicarase o día, hora e lugar no que se celebrará a entrega de trofeos ós/ás gañadores/as de cada categoría.