O Concello de Mondoñedo colabora con proxecto Sons de Gallaecia, que se presentou nas últimas horas en Lugo. Na cidade episcopal actuará a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia o 4 de agosto.
Durante a súa intervención, Elena Candia subliñou “a importancia de que Sons de Gallaecia teña a súa parada tamén na nosa cidade, sendo a localidade máis humilde das tres nas que se desenvolve este proxecto”. A Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia ofrecerá concertos en Mondoñedo, Vilalba e Lugo.
Neste eido, a alcaldesa tivo palabras de orgullo polo leitmotiv desta xira 2017, “co recoñecemento a un dos nosos mindonienses máis ilustres, Pascual Veiga” e agradeceu o acto que se celebrará o venres en honor ao insigne escritor.
A rexedora tamén fixo fincapé en que se trata dun concerto ofrecido por nenos procedentes de diferentes espazos e ámbitos educativos e culturais como conservatorios, escolas de música ou bandas populares procedentes das catro provincias galegas. “É unha honra contar co concerto destes rapaces na nosa cidade”, ao tempo que destacou “os valores do compromiso, do traballo conxunto, da amizade; xunto coa posta en valor da cultura e da tradición que de xeito tan acusado representa esta iniciativa e a creación da Banda Sinfónica Infantil de Galicia e a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia”.
A actuación na localidade da Mariña está programada para este venres, 4 de agosto, ás 20 horas, na Praza da Catedral de Mondoñedo.
Nesta Xira 2017, a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia fai unha viaxe musical por Mondoñedo, Vilalba e Lugo; a mesma que fixo o compositor e músico Pascual Veiga, mindoniense e autor da música do himno de Galicia, durante o traslado dos seus restos mortais a Mondoñedo dende Madrid, parando e recibindo homenaxes en Lugo e Vilalba. Con motivo da celebración do 110 aniversario da primeira interpretación do Himno Galego (La Habana, 1907); a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia realizará este venres, 4 de agosto, unha ofrenda floral a Pascual Veiga no cemiterio de Mondoñedo.