A emisora municipal Radio Foz emitirá un programa de reflexión sobre o cambio climático desde unha perspectiva local. Trátase dunha iniciativa na que participan máis de 300 radios municipais e comunitarias de todo o estado. Chámase Onda ODS e comezará cun espazo en directo desde o castelo de Santa Cruz, en Oleiros, este xoves 15 de 9 a 11 da mañá. Un dos participantes será o concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Axenda 2030 de Foz, Carlos García.
Os promotores desta iniciativa explican que “este tempo de radio, conducido por Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, abordará diversos aspectos vinculados aos obxectivos recollidos pola ONU na súa Axenda 2030. Realizarase desde o castelo de Santa Cruz, que alberga o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) , aínda que logo terá continuidade diaria desde o luns 19 todos os días laborables ás 9 da mañá e ás 9 da noite. Varios centros educativos galegos seguirán o espazo desde o propio auditorio de Oleiros. Impulsan a iniciativa Radiofusión, en colaboración con Emisoras Municipales de Andalucía, RTV Cardedeu La Xarxa e a Rede Estatal dos Medios Comunitarios. Onda ODS conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030”.
Desde Radiofusión engaden que “os medios locais queren contribuír na liña marcada polos ODS: incidir para facer fronte á emerxencia climática e ambiental, pechar a brecha de xénero e poñer fin á discriminación, superar as ineficiencias dun sistema económico excesivamente concentrado, erradicar a precariedade laboral, acabar coa pobreza, reverter a crise dos servizos públicos, loitar contra a inxustiza global, revitalizar o noso medio rural e enfrontar o reto demográfico.
O proxecto Onda ODS pretende desenvolver unha estratexia de comunicación encamiñada a sensibilizar e divulgar entre a cidadanía estas propostas presentando iniciativas próximas que discorran nesa liña”.