Foz contará con tren turístico este verán. Estará operativo entre o 1 de xullo e o 4 de setembro. Realizará nove viaxe aos día, unha delas á Basílica de San Martiño. Na presentación do tren, que tivo lugar esta tarde, estiveron presentes o alcalde, Javier Castiñeira, e empresario que leva adiante esta iniciativa, José Antonio Neira.
O alcalde quixo “felicitar esta nova iniciativa de actividade turística no noso concello, o tren turístico, a verdade é que eu creo que é unha estupenda noticia para Foz”.
Javier Jorge Castiñeira salientou que “sobre todo ademais de promocionar o pobo, a nosa costa e as nosas praias é unha aposta tamén fundamental e moi boa para promocionar a Basílica de San Martiño de Mondoñedo. Unha vez ao día pola mañá, este tren terá un percorrido con parada en San Martiño, onde a guía municipal dará unha visita turística a todos aqueles que se acheguen”.
O rexedor focense insistiu en “felicitar aos promotores e desexarlles moita sorte. É unha iniciativa que funciona en moitos municipios turísticos de toda España e sen dúbida en Foz con toda a capacidade que vai ter durante todo este verán e toda a ocupación, seguro que será un éxito e súmase a todas aquelas novas iniciativas que hai no concello de empresas privadas que están traballando a prol do turismo, que están creando emprego e riqueza e esta non deixa de ser unha máis”.
Pola súa banda o promotor desta iniciativa, José Antonio Neira, aproveitou para “agradecerlle ao alcalde e a todas aquelas persoas que están colaborando comigo. Imos intentar facelo o mellor posible, é o primeiro ano, hai que perdoar se algún fallo temos, tentaremos corrixilo pero esperamos que non haxa fallos. Queremos facelo ben e que goce a xente, é unha iniciativa moi boa para os nenos e incluso para as persoas maiores”.
José Antonio Neira subliñou que “imos tentar impulsar a basílica de San Martiño, que é unha idea que o alcalde me expuxo desde que eu din a iniciativa de facer a ruta polas praias e polo pobo. Comentoume que era importante ir a San Martiño polo menos unha vez ao día e así o imos facer”.
O tren turístico de Foz fará unha viaxe diaria a San Martiño ás 11:00 horas cunha duración aproximada de hora e cuarto. Pola mañá fará ademais dúas viaxes ás 12:30 horas e 13:30 horas cun percorrido ás praias ata Peizás e despois polo casco urbano baixando polo porto pesqueiro e deportivo ata a praia da Rapadoira, que é de onde sae. Pola tarde o tren turístico fará seis viaxes ás 16:00, 17:00, 18:00, 19:00, 20:00 e 21:00 horas.