Santo Tomé
A Comisión de Festas de Santo Tomé, parroquia do concello de Lourenzá, organiza unha cea baile para o día 12 de abril, sábado. Celebrarase no pavillón desde as 22:00 horas. Explican que é un “evento para xuntar diñeiriño para a festa”.
O menú está composto por callos, costela asada, sobremesa, bebida e café. E da música encargarase o dúo Tropical.
Os tickets para participar están á venda nos establecementos Casa Gayoso, Cafetería Baos, Morrigan, Torreón e O Xiraldo. Tamén se poden mercar a través dos membros da comisión de festas.
O 20 de setembro darán comezo as festas na honra a San Antonio e Santo Tomás en Santo Tomé (Lourenzá). As celebracións iniciaranse ás 21:00 horas cunha gran pulpada e churrascada servida por Pulpería Suso, seguida dunha verbena onde actuarán a orquestra Acordes e o Dúo Matices.
O sábado 21 a xornada comezará ás 13:30 horas coa misa solemne e procesión, á cal seguirá unha sesión vermú amenizada pola Orquestra D'Noche. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena contará coas actuacións do Grupo Fusión e D'Noche, ofrecendo unha noite de diversión e boa música.
Para pechar as festas, o domingo 22 de setembro haberá de novo misa solemne e procesión ás 13:30 horas, e nova sesión vermú coa orquestra Dinastía, que porá o broche de ouro a esta fin de semana festiva.