O desfile de moda do Encontro de Palilleiras de Cervo amosará modelos das deseñadoras locais Lucía Paredes e Mari Luz Méndez.

O desfile de moda do Encontro de Palilleiras de Cervo amosará modelos das deseñadoras locais Lucía Paredes e Mari Luz Méndez.
 
O Concello de Cervo presentou hoxe o cartel e os detalles do desfile de moda que terá lugar no XII Encontro de Palilleiras que se celebra o 28 de marzo. Un acto no que estiveron presentes o alcalde, Alfonso Villares, a edil de Igualdade, Pilar Armada, a deseñadora Lucía Paredes, as palilleiras Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero, que participan na organización do Encontro, e Tino Soto, que tamén colabora. 
O pase de moda (16:30 h.) leva por título “O mar de azul cobalto” e todas as prendas terán o encaixe como principal protagonista. Pero ademais, nesta ocasión o desfile será especial xa que as autoras das prendas son dúas creadoras locais, veciñas de San Ciprián: Lucía Paredes, deseñadora profesional, e Mari Luz Méndez, artesá. Cabe destacar que en todos os casos vanse amosar deseños propios e con encaixe de elaboración artesanal galega. 
Un desfile no que se lucirá roupa de pasarela, de rúa e de cerimonia, tanto xuvenil como de adulto. Algúns dos modelos estarán inspirados do mundo do mar, e o pase completarase con deseños amosados en edicións anteriores da exposición “Coas nosas mans” pero que nunca foron exhibidos en pasarela. Cabe destacar tamén que algunhas das modelos que vestirán os deseños son do concello e doutros puntos da Mariña. 
A edil de Igualdade asegura que o desfile é un dos puntos fortes do Encontro, xa que nel “o encaixe cobra vida e pódese comprobar a súa versatilidade e as moitas aplicacións posibles”. Ademais, neste caso “o desfile é especial xa que podemos amosar encaixe e deseños que saen da creatividade e das mans de artistas locais”, engade Armada.