A Delegación de Cultura de O Valadouro organiza as actividades do Entroido que se desenvolverá dos días 3 ao 9 de marzo, en colaboración coa asociación cultural Amado Lar.
O 3 de marzo celebrarase o desfile de Entroido, a partires das 17:00 horas. A saída será do parque Concepción Arenal, pola praza ata o pavillón, e haberá a actuación musical do Dúo Merengue. As inscricións poden facerse na Casa da Cultura entre o 25 de febreiro e o 2 de marzo, e tamén o mesmo día do desfile no local social do parque Concepción Arenal.
Haberá premios nas categorías: Infantil Individual de 100€, 70€ e 50€; Infantil Parella de 120€, 90€ e 50€; Infantil Grupo de 200€, 150€ e 100€; Adulto Individual de 150€ e 100€; Adulto Parella de 170€ e 120€; e Adulto Grupo de 300€, 200€ e 150€.
O 5 de marzo será o Entroido dos nenos ás 16:30 horas na praza. Haberá inchables, pintacaras e xogos. Se a situación meteorolóxica é adversa trasladaríase ao pavillón polideportivo.
E o 9 de marzo celebrarase o Xuízo e Enterro da sardiña. A partires das 19:00 horas percorrerá as rúas a charanga N.B.A., e ás 20:00 horas sairá a comitiva fúnebre do local social do parque Concepción Arenal. Despois será a lectura de coplas e críticas na praza, e o xuízo a dona Sardiña estará amenizado pola charanga N.B.A. Estas actividades trasladaríanse ao pavillón polideportivo en caso de inclemencias meteorolóxicas.