O Concello de Cervo, a través da delegación de Igualdade, organiza diversos actos con motivo do Día Internacional da Muller, que ten lugar cada 8 de marzo. Como coincide en mércores, a maioría das actividades terán lugar o sábado 11 de marzo, tal e como se acordou na reunión que mantivo esta tarde a concelleira delegada de Igualdade Pilar Armada, coas diferentes asociacións de mulleres do municipio, que colaboran: Asociación de Mulleres de San Cibrao, Amas de Casa Alborada, Mulleres Rurais As Espalladoras, e Mulleres en Igualdade.
Armada recordou “que sempre estamos abertos a escoitar tódalas ideas e propostas que nos queiran facer chegar, e neste caso, entre o Concello e as diferentes asociacións, conseguimos perfilar e consensuar un intenso programa co que pretendemos chegar a tódalas mulleres de Cervo, protagonistas de xeito simbólico este día, pero sempre presentes e participativas no día a día do noso municipio e na nosa política”.
Deste xeito, o Concello organiza un campionato de tute e parchís, que se xogará durante boa parte do mes de febreiro, no que poderán participar tódalas mulleres do Concello. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 9 de febreiro.
O sábado 11 de marzo, ás 19.30 horas, o grupo de mulleres Ardora, de San Cibrao, representará a obra “Mal Social”. Será no Auditorio Municipal, aberto a todo o público.
Ese mesmo día, haberá unha cea para tódalas mulleres do Concello que desexen asistir. Poderán inscribirse ata o 7 de marzo. Haberá premios sorpresa para todas elas. Ademais, farase entrega dos trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís.
A xornada rematará con baile na Casa do Mar.
As interesadas en asistir á cea de mulleres e en participar no campionato de tute e parchís deberán chamar ao teléfono 982.87.95.83, da Casa do Mar.