O vindeiro venres, 24 de setembro, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Centro Sociocultural da Xuventude e Terceira Idade de Alfoz, terá lugar a presentación do libro "Fuxindo da saudade", recopilatorio de artigos do profesor de filosofía Pedro Rubal Pardeiro. No mesmo acto farase tamén a presentación da web sobre a súa vida e percorrido profesional.
Ao remate da presentación, levarase a cabo a inauguración dunha sección da Biblioteca Municipal composta por obras doadas por Pedro Rubal, na que se descubrirá unha placa conmemorativa para deixar constancia do agradecemento do Concello polo seu xesto cara ao pobo de Alfoz, do que é fillo predilecto.
Estarán presentes nos actos, representantes da Deputación Provincial de Lugo, quen financia a través do Plan Único a adquisición de materiais e equipamento para a mellora do Centro Sociocultural da Xuventude e Terceira Idade de Alfoz que permite, entre outras accións, a creación do espazo na biblioteca dedicado a Pedro Rubal. Contarase tamén coa presenza de Marcelino Agís Villaverde, Decano da Facultade de Filosofía da USC, Xulio Xiz xornalista e escritor e Jorge Val, alcalde de Alfoz.