O 22 de novembro remata o prazo de presentación de vídeo-receitas ao concurso Cociñando A Mariña Lucense, que organiza a Mancomunidade.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense anima a participar á cidadanía no concurso posto en marcha dentro da iniciativa Cociñando A Mariña Lucense. O prazo de presentación das vídeo-receitas finaliza o próximo 22 de novembro. O ente leva a cabo este proxecto en colaboración coa FCAM e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia. 
 
A Mancomunidade lanzou este concurso de vídeo-receitas para o público xeral o pasado 23 de outubro, despois de ter dado a coñecer o traballo dos distintos produtores existentes no territorio nas súas redes sociais durante case un mes. Ademais, a próxima semana fará pública na web a Guía de Produtores da Mariña Lucense onde figuran os 154 que quixeron participar dos 243 identificados en toda a comarca.
 
Desde o pasado 22 de outubro tamén é posible inspirarse e aprender observando as propostas de elaboracións da hostalería local nas redes sociais de Turismo da Mancomunidade ou no canal de Youtube da entidade. Un total de 16 restaurantes accederon a participar e tamén colaborou o IES de Foz gravando con dous alumnos e unha profesora de Hostalería.
 
Desde a Mancomunidade explican que “o obxectivo desta iniciativa no seu conxunto, pasa por posicionar a comarca como un destino de turismo gastronómico e por poñer en valor aos produtores, aos produtos e á gastronomía local. Trátase dunha iniciativa novidosa coa que dar a coñecer os produtores e alimentos da comarca, onde a hostalería amosa algunhas das súas elaboracións con produtos locais a través de vídeo-receitas e onde se convida a participar á cidadanía nun concurso de receitas de gastronomía local mariñá”.
 
Deste xeito dende a Mancomunidade lembran que quedan tan só dous fins de semana nos que vestir o mandil e poñerse a cociñar e indican que “participar neste concurso é moi sinxelo. Só hai que gravar en vídeo unha receita elaborada con alimentos que se produzan na Mariña Lucense como ingredientes principais”. Conseguir produtos locais é sinxelo da man dalgún comercio ou produtor de proximidade e para a elaboración da vídeo-receita dende a Mancomunidade trasladan as seguintes recomendacións:
 Preparar un pequeno guión por pasos en base á receita, para ter claro que gravar e cando. 
 Poñer a gravar o móbil en horizontal e ir filmando uns segundos de cada paso.
 É posible usar vídeo e tamén fotografías, si se prefire.
 Evitar na medida do posible os ruídos e conversas.
 Pódese ir comentando os pasos coa voz de cada quen ou engadir algunha indicación no momento da montaxe.
 Unir as imaxes ata conseguir un vídeo de entre 1 e 5 minutos, utilizando o programa de edición de vídeo do ordenador ou tablet ou algunha App gratuita para montalo.
 Ademais, sempre se pode contar con axuda dalgún amigo ou familiar e facelo máis sinxelo.
 
Os premios do concurso buscan dar a coñecer e que os premiados poidan desfrutar dos recursos tan valiosos da comarca. 
1º Premio: Fin de semana no Hotel Rías Altas de Barreiros para dúas persoas, para vivir unha experiencia de turismo slow.
2º Premio: Ruta da Faba de Lourenzá para dúas persoas. Trátase dunha experiencia turística completa que combina arte, natureza, gastronomía e cultura local.
3º Premio: Cesta de alimentos da Mariña Lucense para degustar no fogar das delicias desta comarca.
 
Pódense enviar as vídeo-recetas a cocinando@amarinalucense.gal ata o día 22 de novembro ás 00:00 pm, que será cando se peche o concurso. Poden consultarse as bases completas do concurso na web amarinalucenese.gal na sección do proxecto Cociñando A Mariña Lucense.