Hipócrita Teatro chega o 14 de outubro a Xove con "Casting"

Mañá, 14 de outubro, ás 19:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove, o Grupo Hipócrita Teatro vai por en escena a comedia Casting. Esta actuación pertence ao Circuíto de Teatro Afeccionado 2023 da Deputación de Lugo e conta  coa  colaboración do Concello xovense.

O GRUPO
Hipócrita Teatro naceu en Lugo en novembro do 2004, formado por un grupo de alumnos e alumnas do Obradoiro de Teatro que organizaba o Concello. Desde entón traballan de xeito ininterrompido a prol da dinamización cultural a través de diferentes actividades no eido do teatro, que abranguen:
-Creación e representación de espectáculos teatrais para todos os públicos, de pequeno formato (Casting, Miserere, INRI, Onde Chaplin perdeu o seu paraugas, A última pregunta..) ou de gran formato (Menestra de testosterona, Unha historia con pau, Emperador, que pensas? Fala!…)
-Formación dos seus membros.
-Accións de divulgación e comunicación das súas actividades a través de diferentes medios. 
-Colaboración con outras entidades de carácter cultural ou social sen ánimo de lucro.
-Programación ao longo de todo o ano, no local asociativo.
-Pertenza á FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado)

A OBRA
Sinopse: Mirna Lois, unha diva dos anos 50, Norma Lee, actriz de cine “erótico” e Úrsula Cimarrón, unha moza aspirante a actriz, coinciden nun casting. Todas compiten por un único papel.
Atrapadas nuns personaxes femininos tópicos, chegarán ao límite do ridículo por cumprir coas expectativas do seu rol. Unha comedia agridoce sobre os estereotipos femininos no cine de Hollywood para chorar, rir, ou chorar coa risa.
Autoría: Hipócrita Teatro. Dirección: Elea López.
Elenco: 3 actrices e 1 actor. Duración: 55 min.