A escritora Guiomar Acevedo López presenta en Ribadeo o seu libro “Entre a memoria e o esquecemento” este sábado, 11 de xaneiro

A Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo, organiza a presentación do libro titulado Entre a memoria e o esquecemento, de Guiomar Acevedo López, un ensaio que aborda o tema da memoria e da identidade no exilio republicano en México. O acto será este sábado, día 11 de xaneiro, ás 19:30 horas na biblioteca municipal ribadense El Viejo Pancho. Ademais da autora do libro, intervirán Carlos Méixome Quinteiro (investigador sobre a represión franquista) e Mario López Rico, tradutor e autor do prólogo do libro.

A Agrupación Cultural Francisco Lanza explica que “Guiomar Acevedo López (Ciudad de México, 1984) é escritora e historiadora. Licenciada en historia pola Universidad Nacional Autónoma de México e Mestra polo Colegio de México. Especializouse en estudos de memoria histórica, procesos históricos de disrupción social e fenómenos de desprazamento forzado ao longo do século XX, nomeadamente do exilio republicano español. É autora do libro Entre memoria y olvido: ochenta años del pasado contemporáneo español (traducido ao galego por Mario López Rico e editado por Laiovento). Actualmente dedícase á docencia, a investigación e a difusión cultural. Guiomar Acevedo López ten orixes na Mariña lucense. O seu avó, Juan López Durá, membro do Partido Galeguista, era irmán do coñecido médico ribadense Mario López Durá, tamén vinculado ao Partido Galeguista”.