Acisa organiza de novo a campaña tarxeta aforro con descontos no combustible na estación de servizo Valcarce, de Ribadeo. Será do 11 de outubro ao 30 de novembro.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “o obxectivo desta campaña é o fomento da actividade comercial e hostaleira durante preto de dous meses mediante a fidelización do cliente tanto da vila como os visitantes a través de tarxetas de desconto de 0´09 euros por litro de combustible”.
O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, explicou que “as tarxetas aforro obteranse gratuitamente realizando as compras ou consumicións en calquera dos establecementos asociados a Acisa Ribadeo, e so se entregará unha por cada tícket de compra por un importe mínimo de 10 euros. Esta promoción é válida dende este mércores, 11 de outubro, ata o 30 de novembro, período no que os clientes poderán lograr as súas tarxetas”.
Pérez Prada engadiu engadiu que “esta promoción non é acumulable a outras e as tarxetas deberán ir debidamente seladas por cada establecemento, sendo dun único uso. De modo que para aplicar un novo desconto noutra repostaxe deberá entregarse unha nova tarxeta. Esta campaña so é válida na estación de servizo Valcarce, de Ribadeo, que asume integramente o desconto dos 0´09 euros por litro”.
Cruzado Iglesias indicou que “Acisa Ribadeo xa levou a cabo esta campaña noutras ocasións e debido ao éxito obtido decidimos volver desenvolvela neste caso durante preto de dous meses, coincidindo con dúas épocas susceptibles para facer viaxes como é a inmediata ponte do Pilar e de defuntos”.
O xerente de Acisa dixo que “este ano que os carburantes están volvendo sufrir subidas de prezos pareceunos unha grande oportunidade poñela en marcha, xa que é unha forma directa de axudar a aforrar aos nosos clientes no seu día a día e por ese motivo imos poñer en circulación 40.000 tarxetas. En cifras, se estimamos que a capacidade media dun deposito pode roldar os 50 litros, esta campaña estaría valorada en un total de 180.000 euros de descontos en carburantes para os noso clientes”.
A presidenta de Acisa sinalou que “sen dúbida esta nova campaña de Acisa xunto coas do Bono Activa Comercio e das Panchas, fan de Ribadeo nas próximas semanas o mellor lugar para vir comprar ou tomar algo e desfrutar das vantaxes que se poñen a disposición dos nosos clientes”.
Na presentación da tarxeta aforro con descontos no combustible participaron a presidenta, o secretario e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado, Felipe Fernández e Jesús Pérez.
Jesús Pérez lembrou que “dende hoxe pódense descargar xa os Bonos Activa Comercio por parte dos clientes. Queremos animar a todos os ribadenses a facelo e beneficiarse destes interesantes descontos que son unha oportunidade única para realizar as compras de tempada, da roupa de outono inverno ou incluso para aqueles que queiran ir mercando os regalos de Nadal, recordemos que esta campaña dura ata decembro. Parécenos importante tamén recordar, que o prazo para que os comercios se adhiran neste caso segue aberto, e facemos un chamamento a que máis negocios o fagan. A dia de hoxe 43 establecementos ribadenses forman parte da campaña”.