A representación terá lugar ás 19:00 horas na Casa da Cultura do Valadouro, segundo informa a Delegación de Cultura.
Castelao é unha figura capital da historia das artes en Galicia e a figura central desta proposta escénica para a infancia, con texto de Paula Carballeira, coa dirección de Fina Calleja e con Mónica Camaño e Cris Collazo en escena.
Sinopse
A obra presenta a un Castelao de 8 anos e na súa vila natal, divertido, feliz, alegre e aventureiro, buscando en todo momento a identificación da audiencia co protagonista da nosa trama. Culturactiva Producións propón unha montaxe de ritmo trepidante. A tensión dramática desta peza cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara a Arxentina de Castelao e a súa nai.