A asociación de comerciantes CCH Viveiro pon en marcha a campaña do Día da Nai do 22 de abril ao 4 de maio

A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro pon en marcha a partir deste martes 22 de abril e ata o 4 de maio a Campaña do Día da Nai có sorteo dunha Experiencia en familia.

“Nesta ocasión apostamos por seguir premiando a fidelidade dos nosos clientes con algo especial para celebrar nesta data, e sortearemos unha viaxe para que poida desfrutar mamá con toda a familia. O gañador poderá escoller as datas e o destino entre milleiros de posibilidades (Cabárceno, Parque Warner, etc) para pasalo en grande! O xeito de participar é moi sinxelo, só hai que descargar a App ViveiroCCH, onde está habilitada a campaña, e subir os tickets de compra de calquera dos negocios asociados do 22 de abril ó 4 de maio (ambos incluídos). Non hai importe mínimo para poder participar e o sorteo será o 5 de maio de 2025 ás 16:00 horas a través da propia APP. Gravarase o sistema de sorteo para difundilo posteriormente en RRSS e tamén avisaremos directamente ó gañador/a para que poida recoller o premio”, explica o CCH Viveiro.

“Con esta iniciativa intentamos dinamizar esta data comercial importante para o comercio local, poñendo en marcha sorteos e premios para agradecer a fidelidade dos clientes e acadar que Viveiro continúe a ser, unha vez máis, referente de compras en toda a comarca, sempre contando ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos. Os obxectivos perseguidos con tódalas campañas que pon en marcha a asociación, son por unha parte a de premiar a fidelidade dos clientes que apostan por mercar no comercio local, e por outra parte fomentar a unión de tódolos comerciantes da zona para traballar en conxunto e dinamizar o comercio de Viveiro”, engade a asociación empresarial.

As bases da campaña e tódala información pódese consultar na web www.viveirocentro.com, e no perfís de Facebook, X e Instagram.