Cervo vivirá un San Xoán repleto de actividades en San Ciprián, Rúa, Figuerido e tamén no encoro de Río Cobo.

O Concello de Cervo vivirá unha fin de semana de San Xoán repleta de actividades para todos os públicos.
 
San Xoán en San Ciprián
O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes  a gozar do San Xoán de San Ciprián da man do Grupo A Rebolaxe.
A xornada comezará o sábado, ás 19:30 horas, con música, xogos populares para nenos e maiores, pancetada, salchichada e chourizada,  sorteo dunha cesta de produtos típicos e unha gran fogueira na praia do Torno; ademais doutras sorpresas.
O concerto de “mi rollo es el rock” porá o broche de ouro a partir da 1:00 horas.
 
San Xoán en Rúa
Outra cita ineludible deste sábado será o San Xoán de Rúa, organizado pola asociación de veciños Rúa-Candelaria, coa colaboración do Concello de Cervo.
A cita comezará ás 20:00 horas no campo da festa, no recinto da escola de Rúa.
Servirán racións de churrasco, chourizo e torresmos de balde para os socios, e por un prezo de 6 euros para os non socios. Os tickets poñeranse á venda no propio recinto ás 19:00 horas.
A festa estará amenizada polo grupo Diamantes, e desde a asociación apuntaron que tamén se elaborarán caipiriñas.
 
Festas de Figuerido
O Concello de Cervo tamén convida a veciños e visitantes  a desfrutar das Festas na Honra de San Luis, en Figuerido. 
A cita, organizada pola Asociación Socio-Cultural Ponte da Salgueiriña coa colaboración do Concello, desenvolverase durante toda a fin de semana.
A programación comezará mañá venres, 22, a partir das 22:30 horas, cunha Gran Verbena a cargo do Grupo Alma Latina e da Orquestra Palladium.
O sábado, 23 de xuño, ás 9:00 horas, terá lugar o chupinazo que anuncia o inicio do día grande das Festas. Ás 11:00 horas haberá pasacorredoiras a cargo dos gaiteiros de Airiños do Xunco, de Cervo. Ás 14:00 horas terá lugar a misa solemne na honra de San Luis no campo da festa; e, a continuación, haberá sesión vermú a cargo do Grupo Alma Latina.
Haberá unha gran lumeirada de San Xoán e serviranse racións de churrasco, chourizo, crioulos e pan por 5 euros. A continuación, desde as 22:30 horas, haberá festa rachada a cargo do Grupo PK2; e pechará o día grande das festas o concerto de Los Limones.
Xa o domingo 24, desde as 17:30 horas, haberá demostracións e desfrute de xogos populares.
 
Deportes. Campionato de España de Motonáutica po Radiocontrol térmico
O Concello de Cervo acollerá o sábado e o domingo, 23 e 24 de xuño, o campionato de España de Motonáutica por Radiocontrol térmico.
 
A cita desenvolverase no Encoro de Río Cobo, e está previsto que participen medio cento de embarcacións, da man dunha vintena de pilotos procedentes de Cantabria, Valencia, Castellón, Madrid, Andalucía e Galicia.
 
Tal e como sinalou Villares nesta ocasión os tres mellores pilotos de cada categoría serán os campións de España directamente, porque, a diferencia da pasada edición, esta vez hai unha proba única, a nosa, cremos, polo tanto que esta “é unha oportunidade única para dinamizar e aproveitar dun xeito diferente o noso encoro, que será sen dúbida un punto de encontro atractivo para os amantes desta disciplina, pero tamén para todos aqueles veciños e visitantes que desexen ver de balde un espectáculo singular ao aire libre da man dos mellores pilotos a nivel nacional”.
 
Ademais, -engadiu- “é sen dúbida unha boa plataforma para amosar e dar a coñecer a pilotos e acompañantes o  noso municipio e os moitos atractivos que ten, e que gocen dunha fin de semana deportiva e turística ao tempo”.
 
Na competición participan lanchas cunha lonxitude de 1,20 metros aproximadamente que chegan a acadar os 120 km/hora.
 
As probas son realizadas seguindo as normas da Real Federación Española e Galega de Motonáutica e distribúense en catro categorías:
• Ata 3,5 c.c.
• De De 3,6 a 7,5 c.c.
• De 7,6 a 15 c.c.
• De 15,01 a 35 c.c.
 
O Concello de Cervo fará entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría; que se farán con título de campións de España. 
 
O horario das probas será o seguinte:
- Sábado, 23 de xuño .- A partir das 10:00 horas comezarase a formalizar as inscricións e haberá adestramentos libres ata as 13:00 horas. A partir das 16:00 horas darán comezo as mangas de cada categoría
- Domingo, 24 de xuño .- de 9:00 a 10:00 horas adestramentos libres. A partir das 10:00 horas realizaranse as mangas restantes.