A Delegación de Cultura do Concello de Foz organiza diversas actividades en homenaxe a Arcadio Mon, quen fora director da Banda Municipal de Música. Os actos darán comezo o sábado 8 de xullo e os días 10, 11 e 12 celebraranse dous concertos a cargo da Banda de Música e da Big-Band de Foz e un festival no que intervirán entre outros Escolma de meus, Chingla, Sito Sedes e Tito Calviño.
O concelleiro de Cultura en Foz, Ánxel Paleo, que tomou posesión do cargo onte, anunciou hoxe que “este sábado, día 1 de xullo, ás seis da tarde será a inauguración da exposición de pintura de José Fernández Campo Alaxe, no Cenima”.
Ánxel Paleo deu a coñecer tamén que “o sábado 8 de xullo darán comezo unha serie de actos e concertos en homenaxe a Arcadio Mon, que fora director da Banda de Música de Foz e fundador da Big-Band de Foz. Ás sete da tarde terá lugar a colocación dunha placa na Escola de Música que leva o nome de Arcadio Mon e ás oito na Sala Bahía dará comezo o acto institucional de homenaxe”.
O concelleiro de Cultura en Foz quere “recordarlle a toda aquela xente que queira asistir a este acto que é preciso facer reserva previa antes do luns, día 3 de xullo, na Delegación de Cultura do Concello de Foz”.
Ánxel Paleo salienta que “outro protagonista desta homenaxe será o Campo da Cabana, onde se farán dous concertos e un festival, todos eles ás dez da noite. O luns, día 10 de xullo, o concerto da Big-Band de Foz. O martes 11 haberá concerto da Banda de Música de Foz e o mércores 12 celebrarase o festival homenaxe Coa nosa fala, coa participación de Escolma de meus, Chingla, Enzo, Sito Sedes, Tito Calviño, etcétera, que se encargarán de poñer o broche de ouro á homenaxe a Arcadio Mon”.