O Seminario de Estudos de Alfoz e do Valadouro organiza un concurso músico vocal para rapaces novos, menores de 20 anos, en homenaxe ao gran músico Arcadio Mon.
Os participantes deberán presentar unha canción ben interpretada ou cantada, neste último caso terán que acompañar a inscrición cunha gravación instrumental que serva de fondo á súa voz. As bases recollen que no se admitirán as inscricións de grupos só de solistas e as pezas musicais presentadas poderán ser propias ou doutro autor. Ademais as pezas cantadas presentadas a concurso deberán ir en galego podendo ser traducións doutras cancións compostas noutro idioma.
Entre todos os inscritos ao concurso seleccionaranse vinte valorándose positivamente factores como que a peza presentada sexa de autoría propia, a calidade interpretativa do concursante, a calidade da gravación musical de fondo e o feito de que o concursante cante e interprete un instrumento ao mesmo tempo.
Os interesados deberán solicitar a súa inscrición no correo electrónico peinoster@gmail.com e para calquera información poden chamar ao teléfono 619 389 997. O prazo para a inscrición neste concurso remata o día 31 de agosto.
O I Concurso Músico Vocal Arcadio Mon celebrarase os días 16 e 17 de setembro. O día 16 actuarán os concursantes seleccionados polo xurado, un máximo de vinte, e o día 17 será a gran final coa actuación dos dez finalistas elixidos o día anterior. Tanto o día 16 como o 17 as actuacións dos concursantes irán acompañadas das actuacións de músicos antigos compañeiros de Arcadio Mon nas diferentes orquestras das que formou parte.