Os nenos e as nenas de Barreiros anticiparanse á chegada de Papá Noel cunha Festa de Nadal que se celebrará o día 19 de decembro a partir das 17 horas no Pavillón Municipal. Así o anunciou o alcalde, Alfonso Fuente, que esta mañá presentou o evento acompañado do concelleiro de Deportes, Daniel Cancio.
O rexedor explicou que “esta Festa de Nadal se vai levar a cabo como o pasado ano, o 19 de decembro, e vai dirixida a todos os nenos e nenas. É unha xornada de animación, xa que chega o Nadal, na que imos contar con inchables, obradoiros de maquillaxe e de postais de Nadal e animación musical”.
Ademais, na festa participará unha personaxe moi esperada polos cativos nestas datas: “tendo en conta que a festa se celebra uns días antes de que nos visite Papá Noel, tamén haberá unha recepción de Papá Noel e logo, para remate, teremos para todos os nenos e nenas chocolate con churros igual que todos estes anos”.
O alcalde, Alfonso Fuente Parga, animou a participar “a todos @s nen@s, pero tamén os pais, que poderán estar alí acompañándoos e gozando dese sábado de lecer para os cativos e preparando xa as festas. O día 18 de decembro os pequenos xa collen vacacións nos colexios e qué mellor de empezar que cunha xornada festiva o Nadal”.