Día de Rosalía
O día 22 de febreiro, sábado, ás 18 horas no Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros a historiadora mariñá Alba Díaz Geada compartirá nunha roda con labregos e labregas o seu traballo de investigación, no que recolleu testemuños de historia oral nos que se dá conta de estratexias de sobrevivencia e solidariedade labrega. Anúnciao o Concello de Barreiros, que engade: “o acto estará integrado no marco da celebración do Día de Rosalía, co recitado de poemas e degustación para as persoas asistentes do Caldo de Gloria”.
Colaboran nesta actividade a Asociación de Productoras Eo Alimenta, a Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, o Concello de Barreiros, o Sindicato Labrego Galego e Através Editora.
A Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo, organiza un xantar para celebrar o Día de Rosalía. Será o sábado 22 de febreiro ás 14:30 horas no restaurante Costa Verde, situado na rúa San Francisco da vila ribadense.
“Xa estamos a preparar o Día de Rosalía! Imos facer un xantar de confraternidade con recital poético incluído. Non deixedes de gozar do caldo de gloria nin dos poemas de Rosalía que ti mesm@ poderás recitar”, anuncia a organización do evento, que engade: “o sábado 22 imos coller forzas celebrando a Rosalía, para o domingo percorrer as rúas de Santiago reclamando máis galego”.