Paco Rivas presenta o seu libro "Alén Mundo" o 9 de xullo na Casa da Cultura de Foz.

O salón de actos da Casa da Cultura Manuel María, de Foz, acolle o venres, 9 de xullo, ás 20.00 horas a presentación do libro “Alén Mundo” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Paco Rivas. En dito acto, o autor estará acompañado do profesor e escritor Bernardo Penabade, o ilustrador do libro, Alfonso Otero Regal; e o alcalde do Concello de Foz, Fran Cajoto.

A obra

“Alén mundo” pretende trasladar ao lector a ese mundo lúgubre que se agocha na noite e na morte. É por iso a razón deste título, “Alén mundo”, unha expresión que se refire ao sobrenatural, ao máis alá... ao alén.

Este libro componse de catro relatos independentes, pero todos relacionados por un nexo común, o misterio, a intriga e mesmo a morte: Vedoira, O Verdugo, Ridó e O renacer de Isolino son as historias que compoñen esta obra, un debuxo literario de noites fantasmagóricas e espazos medorentos nos que coa chegada do luar nos invade o desacougo e o medo ao descoñecido.

Mais nada mellor que mergullarse nesas sombras, nese pavor ao mundo das ánimas, tan presentes na tradición oral galega que deben ser tan temidas como respectadas. Percorremos coa lectura eses carreiros bretemosos que nos permitirán chegar ao remate de cada historia sen sufoco, como aquel “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”, escrito por Castelao, “Alén mundo” lévanos a viaxar e entender á morte sen medo. Ser conscientes do nacer para morrer.

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Seguridade covid

Polas circunstancias covid, o acto estará condicionado polas medidas necesarias para que se fagan respectar as distancias de seguridade, sendo obrigatorio o uso de máscara. Tamén disporemos de xel hidroalcohólico para tratar de protexer a saúde de todas as persoas asistentes. Por iso, prégase ao público que se achegue 30 minutos antes do comezo para evitar aglomeracións, pois a entrada é libre ata completar o aforo.

O autor

Paco Rivas (Cervo, Lugo). Profesor de galego, filólogo, escritor, na década dos noventa exerce como Asesor de Lingua e Literatura galegas no CEFOCOP de Pontevedra; desenvolveu —e continúa a facelo— un amplo labor no ámbito da radio (Radio Cornellá, Radio Galega, Onda Cero, Radio Foz) en programas literarios onde fixo numerosas lecturas poéticas.

Interesado en temas literarios, lingüísticos e antropolóxicos, colaborou na década dos oitenta no programa radiofónico Preescolar na Casa e na revista BuleBule que publicou mensualmente a editorial A Nosa Terra, e publicou artigos de carácter pedagóxico na revista O Cruceiro de Carral, así como diferentes estudos didácticos: O Concello nas aulas (1999), Festas de Galicia (1996), Oficios perdidos: léxico dos Ferreiros (1995), adaptacións dos contos O Misterio das Badaladas (1999) de Xabier P. Docampo e As Viaxes do Príncipe Azul (1999) de Darío X. Cabana. No eido da tradución, pasou do francés ao galego a obra Ensino e Análise Transaccional (Laiovento, 1998) de Marie J. Chalvin.

Ten numerosas colaboracións en revistas culturais e literarias, como a revista Nós do Centro Galego de Sabadell, en Ardentía e en Nova Andaina, publicación da Casa de Galicia de Santurtzi e levou unha sección de Poesía en Lúa Nova, da A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona). Participou en escolmas poéticas como 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enriquez (2001), Homenaxe dos poetas de hoxe a Federico García Lorca contra a súa morte (2006), editado polo P.E.N. Clube de Galicia, ámbalas dúas coordinadas por Xesús Alonso Montero. Tamén na Antoloxía A gaita, o Gaiteiro e os gaiteiros na poesía galega (1853-2012). Edición, prólogo e notas de Xesús Alonso Montero no ano 2012. Intensamente vencellado á súa paisaxe natal, especialmente ao mar, publicou o seu primeiro poemario en 1999, Cantaruxos do meu mar e outras cantigas, seguido dunha obra máis sensorial e intimista, De ti, perdidamente (2002), Palavras Perdudas (2007), Entre Nois e Pena Orxal (2009), Camiñante de Ningures (2012); no eido da narrativa ten publicado Contos de Hoxe para contar Mañá (2007), O Paraugas na raiola e outros relatos (2019) e A lúa non era lúa (2021).

No ámbito lingüístico e lexicográfico publicou Expresións e ditos Populares da Área Mindoniense (1992), A Gheada no Concello de Ordes (1992), Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa (2000), editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e o Dicionario Fraseolóxico do mar. Así falan os mariñaos, editado por “A Nosa Terra” en 2005. Do ano 2015, publicados por Edicións do Cumio son o seu dicionario fraseolóxico: De Punta a Chicote. Así falan os mariñaos e un libro-disco con CD incorporado titulado TRACA TRACO 24 cantigas de nanar un aloumiño e un arrolo. Na gravación aparecen voces coma as de Miro Casabella, Najla Shami, Lydia Botana, Tereixa, Carmiña e Maruxa de Fuxan os Ventos, o grupo Tundal con Antón Castro, entre outros, e tamén aparece a voz de Paco Rivas... Do 2016, tamén publicado por Edicións do Cumio é Entre o abalo e a zaranda. Dicionario léxico do mar. Publicado por edicións Embora no 2019 é un estudio da Talasonimia da costa de Lugo... De Ribadeo ó Barqueiro, navegando a son de costa é o seu título; deste mesmo ano 2018 publicado pola editorial Baía un libro de relatos titulado Mar...usía que ten como protagonista o mar de Nois; tamén deste ano son unha Escolma Poética e un libro infantil: Picaraxadas. Do 2021 o poemario Rosas envaíñadas (Edit. Medulia).