O salón de actos do Cenima de Foz acollerá a proxección da curtametraxe Matria e unha charla coloquio co seu director, Álvaro Gago, e coa muller focense Palmira Fernández, quen falará da súa experiencia vital. Será o vindeiro luns, día 24, ás 20:30 horas con entrada libre. Esta actividade está organizada polo Concello de Foz coa colaboración do Pacto de Estado contra la violencia de género.
A concelleira de Muller e Igualdade, Milagros Louzán, anunciou que “este luns, día 24 de agosto, no salón de actos do Cenima de Foz ás oito e media da tarde proxectaremos a curtametraxe Matria, dirixida por Álvaro Gago, e contaremos con el durante a proxección e presentará a película. Esta curtametraxe foi premiada en varios festivais nacionais e internacionais e estivo nominada aos premios Goya do ano 2019”.
Milagros Louzán explica que “a curtametraxe pretende ser unha crítica á falsa teoría sobre o matriarcado, sobre todo en Galicia. Ademais, para acompañar esta curtametraxe, contaremos co testemuño real dunha muller de 72 anos, veciña de Foz e que a súa vida pode identificarse coa da protagonista da curtametraxe. Falaranos da súa experiencia vital e da súa situación actual”.