"Os versos florecidos en Louvanza de Foz" foron escritos por Manuel María para os I Xogos Florais de Foz no ano 1966, e gañaron aquel premio. A Librería Bahía editou ao ano seguinte aqueles poemas e reeditounos no ano 1983 para celebrar o 30 aniversario da Librería.
Desde Bahía explican que “este ano en que se lle dedican as Letras Galegas a Manuel María e que se cumpren 50 anos da edición daquel poemario, quixemos recuperar esta obra dándolle un novo valor. Para isto pedimos a colaboración de varios artistas da Mariña que ilustraron os poemas, así esta nova edición vai ilustrada con obras de Juanel Ponte, Caxigueiro, Xosé Vizoso, Xosé Branco, Nachok e Lucía Vila, que colaboraron de forma totalmente desinteresada para que este libro vexa a luz”.
Xunto coa edición do libro, e dentro da SEMANA DAS ARTES NA MARIÑA queestá a se converter nun dos grandes acontecementos culturais na nosa comarca, levarase adiante unha exposición tamén na Librería Bahía titulada “Manuel María en Foz. Os versos Frolecidos”. A mostra consta de dúas partes, dunha os orixinais das obras que os artistas antes citados achegaron para ilustrar os poemas, xunto con algún dos poemas; doutra banda, presentará unha memoria fotográfica do paso de Manuel María por Foz, con fotos, unhas obtidas no arquivo de Suso do Bahía, cronista oficial e gran amigo de Manuel María, e outras cedidas polo concello, así mesmo o Concello tamén nos cede para esta exposición o debuxo de Juanel Ponte que preside a Casa da Cultura. A exposición vaise desenvolver dende o 26 de abril ao 24 de maio na Librería Bahía.
O día 26 de abril, martes, ás oito e media da tarde, terá lugar un acto de presentación do libro e inauguración da exposición. No acto van a intervir os artistas que ilustran o libro e protagonizan a exposición, xunto coa editora, tamén intervirán dúas rapazas que recitarán algún dos poemas.