Xebra
O centro social Xebra, en Burela, celebrará a segunda edición dos seus Sábados Electrónicos o día 2 de novembro, a partir das 22 horas, con entrada a 6 euros para persoas socias e 8 euros para non socias.
A asociación cultural Xebra explica que “os artistas convidados son Cartucho e F1N05. O primeiro é un artista natural do Valmiñor afincado en Santiago de Compostela. Leva pinchando desde o ano 2021 en diferentes formatos e estilos, aínda que con predominio do break. Forma parte do colectivo Kadiq, que organiza festas deste xénero en Madrid e Galicia, e ademais desde 2020 presenta o podcast ‘Tendiendo a Cero’. E FIN05 presentará o seu novo proxecto audiovisual cun directo cheo de sintes modulares, moogs, distorsión, tecno hipnótico e ruidismo épico”.
Este sábado, día 15 de xuño, o Centro Social Xebra, de Burela, ofrece unha xornada gastronómica co mexillón como protagonista a partir das 20 horas.
A organización anuncia que “o último sábado da primavera culmina por todo o alto no centro social Xebra, situado na rúa Leandro Cucurny número 19, cunha festa do mexillón e bingo alternativo durante o serán. O local abrirá as súas portas ás 20 horas e ofrecerá racións de mexillón e cartóns para xogar a un sorteo de varios produtos de artesanía”.
A organización solicita que a xente interesada en asistir escriba ao correo electrónico xebraburela@gmail.com para reservar asento. Os fondos recadados irán destinados á asociación cultural que xestiona o centro social.
Este sábado, 18 de maio, a partir das 17 horas no centro social Xebra, na rúa Leandro Cucurny 19, de Burela, haberá un obradoiro de baile tradicional e foliada aberta.
Iria Fernández Moscoso, integrante da asociación Fervenza, é a encargada de impartir o obradoiro, que servirá como primeiro achegamento para quen entra no baile por vez primeira e quere perderlle o medo ás foliadas.
A organización anuncia tamén que “despois da clase práctica celebrarase unha foliada aberta no local, no que estarán presentes algunhas das agrupacións musicais da bisbarra”.
Desde o centro social Xebra “convidan a todas as persoas que gosten da música de raíz a se achegar para desfrutar dunha velada chea de música, baile e petiscos”.