O centro social Xebra!, de Burela, acollerá este sábado, día 11 de xaneiro, a presentación de ‘A montaña do poeta’ (Xerais), novela do escritor Lionel Rexes. A actividade será de balde e comezará ás 12 horas, cando o autor afincado en Alfoz e o profesor Bernardo Penabade desenvolverán un coloquio sobre a obra.
Sobre este acto Lionel Rexes comentou: “congratúlame ter sido convidado polo Centro Social Xebra, de Burela, a presentar nas súas instalacións A montaña do poeta, unha novela anterior á que ando promocionando estes tempos, mais o motivo é claro. No argumento de A montaña do poeta os centros sociais autoxestionados, e por extensión o tecido social máis contestatario, forman parte fundamental da trama. Teño asistido a algunhas actividades literarias artelladas no Xebra, mais nunca fora convocado como autor e confeso que tal feito arrinca unha espiña do meu corazón de creador literario. Coido que a poboación da Mariña en xeral, e a da vila de Burela en particular, aínda non son conscientes do privilexio que supón contar cunha entidade deste teor entre a súa oferta cultural, social, lúdica … Se o fío argumental de A montaña do poeta nace nun centro social autoxestionado ben semellante ao Xebra, non é casualidade, senón porque non podía nacer noutro lugar. O sábado 11 a mediodía vémonos no Xebra para falar do que aínda non se falou sobre esta novela. Tiña que ser no Xebra!”.