Varios concertos dentro dunha nova edición de Sons na Rúa e o festival Vrao, ademais das festas do Carme en San Martiño completan a programación organizada pola Concellería de Cultura para esta segunda quincena de xullo.
A concelleira de Cultura, Silvia Blach, explica que “o venres 22 a partir das 21:00 horas na praza Pardo de Cela, temos a XI edición de Sons na Rúa; seguimos co concerto esta vez do grupo Mar Aberto. En San Martiño ese mesmo día na zona da Capela do Carme, a partir das 20:00 horas, temos as festas do Carme. Desde ás 20:00 horas vai haber os autobuses de balde desde Foz ata San Martiño e ás 21:30 horas comezará o pregón a cargo de doña Eulalia Rodríguez Pérez. Despois haberá gran churrascada e paella xigante, e a verbena coas orquestras Fenix e Mayel. O sábado 23, en San Martiño ás 13:30 horas, vai haber a misa solemne e a continuación sesión vermú co grupo Fénix. A partir das 20:00 na igrexa parroquial de Santiago de Foz celebrarase o XXXII aniversario da Coral Polifónica de Foz coa misa e o concerto tradicional. En San Martiño máis ou menos á mesma hora comezará a prepararse a gran verbena de París de Noia e Panorama. E a partir das 21:00 horas en Foz, o Festival Vrao, como todos os sábados do mes de xullo”.
Silvia Blach engade que “o domingo 24 na praia de Tupide, a partir das 17:30 horas, temos xornada de bautismo náutico. Na zona da Capela do Carme en San Martiño, ás 13:30 horas, seguen as festas do Carme coa misa solemne e a sesión vermú co grupo Merengue”.
Para o último fin de semana de xullo a concelleira de Cultura focense subliña que “o venres 29 ás 21:00 horas na praza do Concello temos a XI edición de Sons na Rúa coa Coral Polifónica de Foz. O sábado 30 a partir das 20:30 horas diante do Cenima haberá o Zorza Celtas, unha zorzada popular organizada polo club de baloncesto Celtas de Foz. E das 21:00 horas a 3:00 da madrugada teremos a última actuación do Festival Vrao deste ano no escenario Zorza Celtas”.