Os alumnos e alumnas que asisten ao curso de community manager, que o Concello imparte dentro do proxecto Ribadeo medra contigo, farán prácticas en empresas e comercios de Ribadeo. As firmas interesadas en contar con estes alumnos durante os meses de xuño e xullo poden dirixirse á Área de Desenvolvemento Local. Ademais o Concello organiza varios obradoiros durante as vindeiras semanas sobre apicultura, cervexa artesá, cosmética natural e xabóns, segundo deu a coñecer este mediodía a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez.
A edil nacionalista explicou que “dentro do programa Ribadeo medra contigo, que se está a desenvolver na súa primeira fase co curso de community manager cando os alumnos e alumnas que están a participar acaben coa parte teórica se ofertará para as empresas e comercios, que estean interesados, unha parte práctica na que o alumno desenvolverá nesas firmas un plan social media, de presenza, de identidade e de promoción nas redes. E para iso o propio profesor e supervisor do curso estará tamén identificando o traballo dos alumnos e irá executando diferentes campañas, accións de promoción e de dinamización nas redes (facebook, twiter, etc), dentro do que o propietario da empresa determine durante o tempo de duración desas prácticas, 120 horas, distribuídas coa flexibilidade que teña a empresa, durante os meses de xuño e xullo”.
Ana Martínez indicou que “as empresas e os comercios que estean interesados deberán poñerse en contacto coa Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo chamando ao teléfono 982 128 689 ou a través do formulario que estará colgado na páxina web do Concello”.
A concelleira de Desenvolvemento Local contou que “Ribadeo medra contigo é un programa pensado para o desenvolvemento das persoas e da economía local e buscando tamén unha formación para ese emprendemento no rural faremos pequenos microtalleres para o aproveitamento no sector primario. Así haberá un curso práctico de apicultura, que terá lugar os días 5, 6 e 17 de xuño en Vilela. Haberá outro obradoiro de elaboración cervexa artesá cunha introdución á microcervexería coma produto de negocio. Será o 30 maio, durante todo o día, na Casa da Xuventude de Ribadeo. Haberá tamén outro obradoiro para a elaboración de cosmética natural, cunha visión coma empredemento. Será o 13 de xuño todo o día e tamén na Casa da Xuventude. E faremos un obradoiro de elaboración de xabóns e de produtos de baño, que será o 27 de xuño todo o día na Casa da Xuventude”.
Para participar nestes microobradoiros é preciso anotarse na Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo.