O Concello de Mondoñedo organiza as I Xornadas de Historia Local "Enrique Cal Pardo", que se desenvolverán do 5 ao 8 de xullo.

O Concello de Mondoñedo organiza as I Xornadas de Historia Local "Enrique Cal Pardo", que se desenvolverán do 5 ao 8 de xullo.
 
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, deu a coñecer hoxe o programa que conforma as I Xornadas de Historia Local ‘Enrique Cal Pardo’ que organiza o Concello e que se desenvolverán os días 5, 6, 7 e 8 de xullo na cidade. 
 
As actividades, de carácter gratuíto, desenvolveranse na Casa da Xuventude e están pensadas para todos os públicos. Ademais de varios relatorios, haberá un obradoiro para nenos e nenas para que coñezan máis de preto a historia de Mondoñedo, así como unha visita guiada cultural e literaria pola cidade.
 
5 de xullo
O día 5 de xullo ás 20:30 horas Xulio Pardo de Neira ofrecerá un relatorio sobre Os Montenegro e Mondoñedo. Tratamento histórico da familia Montenegro na cidade de Mondoñedo e a súa provincia. 
 
6 de xullo
O día 6 de xullo ás 20:30 horas a ponencia correrá a cargo de Prudencio Viveiro Mogoe versará sobre O primeiro Conde de Fontao Mondoñedo.
 
7 de xullo
O día 7 de xullo ás 20:30 horas Félix Villares Mouteira ofrecerá un relatorio sobre Os poetas do Seminario.
 
8 de xullo
Por último, o día 8 de xullo ás 17:00 horas celebrarase un taller de historia para nenos e nenas a partir de 8 anos. Ás 20:30 horas farase unha visita guiada cultural e literario pola cidade de Mondoñedo.
 
Obradoiro para nenos e nenas
A alcaldesa explica que se quixo coidar “de xeito especial” a participación dos máis novos nestas xornadas, polo que se acordou traballar con eles sobre a historia de Mondoñedo, amosarlles os monumentos da cidade e darlles a coñecer documentos para que saiban de onde se obteñen os datos. Para iso, “daremos un paseo pola historia de Mondoñedo dende a actualidade ata a prehistoria con exemplos reais sobre a mesma”, engade.
 
Os interesados en anotarse poden formalizar a súa inscrición de xeito gratuíto desde o 17 de xuño ata o 4 de xullo, ambos os dous incluídos. Poden facelo a través do e-mail xornadas.arqueo@gmail.com ou nos teléfonos 982 50 71 77 e 982 52 40 03. Deben indicar os seus datos persoais e un contacto.
 
A rexedora anima aos mindonienses e tamén aos veciños e veciñas doutras localidades a participar nestas xornadas “que nos han permitir saber máis sobre o lugar no que vivimos e sobre a importancia de Mondoñedo ao longo da Historia”.