O Concello de Cervo organiza unha nova edición dos talleres de memoria dirixidos a persoas maiores de 60 anos. O prazo para inscribirse vai do vindeiro luns, día 17, ao 21 e comezan o 24 deste mes.
O alcalde, Alfonso Villares, anunciou hoxe que “desde o Concello de Cervo outro ano máis, imos seguir levando adiante os talleres de memoria que estamos a desenvolver no noso concello para os veciños das distintas parroquias. É unha actividade á que animamos a todas as persoas a sumarse porque eu creo que é importante por moitos sentidos. Por unha parte nestes talleres de memoria as persoas que acoden a eles poden repasar conceptos básicos de matemáticas, de lingua, de xeografía ou de sociais, que en certa maneira ás persoas que participan nestes cursos axúdalles a desenvolver todas as actividades relacionadas co coñecemento. Pero tamén teñen un feito moi importante estes talleres de memoria, que é que aquelas persoas que acoden a eles comparten as súas vivencias e eu creo que iso é importante sobre todo para quen van dirixidos”.
Alfonso Villares subliña que “os talleres de memoria van dirixidos para aquelas persoas maiores de 60 anos e o requisito que pedimos desde o Concello de Cervo é que estean empadroadas. Eu creo que é importante sobre todo nas zonas dos pobos e distintas aldeas que ten o noso concello”.
O rexedor municipal engadiu que “é unha forma máis de poder saír da casa, igual as veces de esquecerse da televisión e buscar unha boa escusa para xuntarse nun local social público dos que ten o concello de Cervo para que os distintos veciños compartan esas experiencias, esas vivencias da vida e a maiores desenvolvan todas as actividades que teñen que ver co coñecemento”.
Villares explicou que “o prazo para inscribirse nestes talleres de memoria empeza o 17 e remata o 21 deste mes; poden anotarse ben no Concello de Cervo ou ben en San Ciprián. Estes talleres van empezar este 24 de outubro e van ter lugar nos distintos locais sociais do concello”.
O alcalde cervense lembra que “na edición anterior do ano pasado os talleres tiveron lugar en Cervo, en San Ciprián, en Castelo e tamén en Rúa. A nosa intención é que se leven a cabo en máis lugares dos que agora mesmo se están a facer, ben sexa en San Román, en Sargadelos ou noutros locais onde os veciños se animen a entrar nestes talleres de memoria para compartir co resto dos residentes no municipio unha actividade que eu creo que é necesaria para todos”.