O auditorio da Casa da Cultura, en San Ciprián, acollerá este sábado, 30 de abril, un espectáculo de flamenco. Será ás oito da tarde.

O auditorio da Casa da Cultura, en San Ciprián, acollerá este sábado, 30 de abril, un espectáculo de flamenco. Será ás oito da tarde.
 
O auditorio da Casa da Cultura, en San Ciprián, acollerá este sábado, día 30, ás 20 horas un espectáculo de flamenco. Esta actuación forma parte da programación Cervo, a carón da cultura organizada polo Concello para este mes de abril.
 
Neste espectáculo actuarán o guitarrista gaditano Miguel Flores, a cantaora coruñesa Sandra Calderón e o bailaor Isaías Salazar, natural de Ferrol.
 
Miguel Flores naceu en Cádiz en 1975, pero sendo moi novo trasladouse a vivir a Ceuta, onde tomou o seu primeiro contacto co flamenco tocando a guitarra coa familia xitana Serranito, coa que actuou no Festival Flamenco de Ceuta. Continuou a súa formación acompañando ao baile na academia Amor de Dios, de Madrid, e tomou clases con Óscar Herrero, Aquilino Fernández Entri e Rubén Díaz. Compartiu escenario con artistas como Narf, Guadi Galego, Iria Peña ou Monste Rivera.
 
Sandra Calderón xa cantaba jazz con só 11 anos de idade. Estudou na Escola Municipal de Música da Coruña, foi vocalista do cuarteto Acuña´s Cuartet e participou en numerosos seminarios de jazz na cidade herculina e na High School Music and Drama, de Londres. Compartiu escenario con artistas como Brian Trainor, Scott Stroman, Nikki Iles ou Brian Abrahams. Aínda que na súa traxectoria musical participou en variados estilos a súa gran paixón dende nena é o flamenco e colaborou en numerosas ocasións para escolas e festivais deste arte. En novembro de 2012 participou como cantaora nos exames nacionais de flamenco en Madrid.
 
Isaías Salazar chegou a compartir escenario con artistas como Duquende. A súa paixón é o flamenco e bebe das fontes máis clásicas de este arte, seguindo a escola dos Farruco.
 
A concelleira de Cultura cervense, Dolores García Caramés, explicou que “con este acto aproveitamos para celebrar o Día Internacional da Danza, que se conmemora mañá, venres, día 29, cun espectáculo de flamenco, algo que é pouco habitual nesta zona”.
 
A entrada para asistir ao espectáculo do sábado no auditorio da Casa da Cultura, en San Ciprián, é gratuíta.