O 6 de setembro pecha as portas esta tempada o Eido Dourado, a carón da barreirense praia da Pasada. Este espazo recibiu durante o verán 2.000 visitas.

O 6 de setembro pecha as portas esta tempada o Eido Dourado, a carón da barreirense praia da Pasada. Este espazo recibiu durante o verán 2.000 visitas.
 
O próximo domingo, 6 de setembro, pecha as súas portas esta tempada o Eido Dourado, o espazo que o artista barreirense Celso Dourado xestiona fronte á praia da Pasada. Logo das visitas realizadas á exposición plástica e a asistencia de público aos Concertos ao Solpor programados durante os domingos do verán, Celso Dourado fai un balance moi positivo da tempada, tanto polo número crecente de persoas que se achegan a coñecer o proxecto como pola calidade das propostas. 
O Eido Dourado recibiu durante os verán a visita dunhas 2.000 persoas, cifra semellante á do ano 2014: “foi un verán realmente excepcional, moveuse unha cantidade de xente moi importante. As visitas seguen a tónica dos  últimos anos, cando máis hai é cando fai mal tempo. Neste verán por sorte tivemos moi bo tempo excepto agora en agosto, que foi cando máis visitas houbo”. Os eventos do solpor dos domingos nos xardíns do Eido reúnen, pola súa banda, entre 200 e 250 persoas cada noite. 
Dourado asegura que son varios os elementos que fan do Eido un proxecto atractivo para os visitantes: “o Eido Dourado chama por varias cousas a atención da xente. Hai moitos de fóra que mesmo se achegan a preguntar que é aquilo. Chama a atención a edificación en si mesma, é unha edificación en pedra con moita madeira e cristal. Tamén o lugar, porque estamos enclavados a carón da praia da Pasada, polo cal o paseo marítimo que discorre por diante desta edificación é un reclamo turístico importante. E como non,  dentro,  as pinturas, a miña produción plástica que alí se expón, e logo os xardíns, que os domingos son usados para diferentes actividades dentro do eido cultural”. 
“O balance é moi positivo, así como no tocante á exposición o número de visitas consolidouse nunhas cifras moi aproximadas un ano tras outro, os concertos cada ano van a mais. Estou ampliando constantemente o número de cadeiras, mesmo adecuando os xardíns para que os concertos e actividades sexan o máis cómodas posible”, apunta Celso Dourado.
Os Concertos ao Solpor das noites dos domingos, de balde, no xardín do Eido consolídanse ano tras ano como unha cita cultural de primeira orde na comarca: “este ano debido a que tivemos unhas noites magníficas o número de visitas foi moi importante. Empezamos en xullo cunhas pezas teatrais da man do gran dramaturgo da Mariña e de Galicia que é Manuel Lourenzo, ao cal acudiron preto de 200 persoas. A partir de aí foi a sinal de comezo destas actividades, iniciamos o ciclo de Concertos ao Solpor, coa caída do sol. O número foi continuamente in crescendo dende  o 26 de xullo, que actuou Vai Trío, un grupo folk dunha calidade inmensa, ata logo o proxecto de Yukhnevich e Cupeiro, Compromiscuo.  Eu asistín ao nacemento do proxecto e mesmo á rodaxe do videoclip Baleas e, dalgunha maneira presentámolo cara a Mariña aquí, este verán. Pasou tamén unha voz excepcional que descubrín por casualidade e cando indaguei, -estou a falar de Sara de Sousa, compoñente e voz do grupo Falúa-  dinme conta de que estamos diante dunha persoa cunhas dotes impresionantes. Sara de Sousa é unha persoa con raíces importantes no veciño Portugal,  tremendamente coñecida en Oporto, onde estivo varios anos actuando en todos os sitios, cantando dende fados a cancións propias dela. Deu a casualidade de que Sara estaba vivindo neses intres en Santiago e trouxémola ao Eido Dourado. Foi unha noite realmente magnífica”. 
Celso Dourado lembrou que “rematamos o 16 de agosto co que está considerado o grupo de jazz por excelencia de Galicia e dos grupos máis imaxinativos de jazz, máis innovadores, do estado español. Estou falando de Sumrrá. Aí si que superamos todas as previsións. Malia que anunciaban auga non choveu e os xardíns enchéronse, realmente non collíamos dentro, foi incrible a capacidade de convocatoria deste grupo. A noite foi realmente máxica, eles mesmos saíron tremendamente ledos e repetiron algunha das pezas porque o publico así o demandaba”.
 O proxecto ten futuro e, dado o éxito, Dourado pretende amplialo: “estou realmente moi motivado a continuar con este ciclo musical e para o ano mesmo pretendo amplialo e dótalo doutros argumentos que fagan posible que isto teña unha continuidade. Estamos pensando mesmo facer unha serie de concertos moi sentidos no xardín zen.  Creo que vai ser realmente sorprendente porque nos axudarán moito a iluminación e os efectos que alí se dan. É un espazo cerrado sobre si, onde a música, que xa probamos, soa dun xeito especial”. 
O que non cambiará é o espírito do Eido Dourando: “a filosofía que a min me alimenta para realizalos é buscar aquelas musicas diferentes e diferenciadas que poden ter cabida nun espazo coma este. Realmente os resultados son moi motivantes. Esperamos seguir nesta liña”.