A Xunta e a Deputación colaboran coa Feira das San Lucas de Mondoñedo, que se celebrará do 16 ao 20 de outubro

A Xunta de Galicia colabora coa feira das San Lucas, que se celebrará entre os días 16 e 20 de outubro en Mondoñedo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a localidade para participar na presentación deste evento, que organizan o Concello e a Asociación As San Lucas e que conta co recoñecemento de Feira de Interese Turístico de Galicia.

A feira máis antiga de Galicia, que cumpre a súa edición número 868, comezará co pregón de Jesús Díaz Fernández o mércores ás 20,30 horas no auditorio Pascual Veiga. Díaz, diplomado en gastronomía internacional, dietética e nutrición, é un chef de recoñecida traxectoria, un dos grandes difusores da cociña galega en Suiza e membro fundador do centro galego de Berna.

As San Lucas conservan a súa esencia e outorgan aos cabalos o seu tradicional protagonismo durante estes días. Máis de mil exemplares daranse cita nas distintas actividades, especialmente na baixada polas rúas na tarde do xoves, e na Gran Feira de Gando Cabalar do venres. Acollerán tamén concursos morfolóxicos, concursos de andadura ou espectáculos de doma.

No apartado musical haberá verbenas con grupos e orquestras todas as noites, destacando ademais a actuación de Isabel Aaiún, coa xira Potra Salvaje, o sábado a partir das 22,00 horas na Praza do Seminario. Completan o cartel outras propostas como actividades infantís ou postos de venda de artesanía. 

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro participou esta mediodía na presentación da 868 edición das San Lucas de Mondoñedo, que contan unha edición máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cunha achega de 20.000 euros.

As actividades arredor do cabalo centran a axenda das festas que comezan o día 16 coa lectura do pregón a cargo de Jesús Díaz Fernández, gastrónomo e un dos fundadores do Centro Galego en Berna, e que concluirán o día 20.

A baixada dos cabalos desde os montes próximos ata o campo da feira, con paso polo Barrio dos Muíños, a rúa San Roque, a Fonte Vella ou a Praza da Catedral - o día 17 - e a gran feira tradicional de gando cabalar -o día 18-  serán as principais actividades arredor do cabalo no programa das feiras, que acollerán tamén o III Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, certames morfolóxicos de Cabalos de Pura Raza Galega, Concurso de Andadura Galega e espectáculos de doma noctura.

Efrén Castro destacou “a raíz  gandeira e popular  da San Lucas que se veñen celebrando desde 1156 e que recollen o pouso cultural e social de séculos de relación co cabalo e co medio natural” e explicou que “entendemos este tipo de feiras e festas como unha parte do noso patrimonio, por iso vimos colaborando de xeito estábel e constante co coas comisións que organizaron as festas ao longo destes anos”

Ademais do programa completo, no acto deuse a coñecer o cartel desta edición, obra de Xosé Vizoso, que coa súa creatividade ven contribuíndo tamén a dar relevancia e continuidade ás San Lucas.