Todo está listo para a celebración da VIII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que terá lugar o vindeiro sábado, 17 de setembro. A inscrición péchase mañá.
A proba partirá das inmediacións do Concello e discorrerá por todo o litoral ribadense ata chegar á praia de Augasantas, onde estará instalada a meta e onde serán entregados os trofeos aos vencedores e vencedoras.
Ata o momento son 630 os anotados, aínda que a cifra pode medrar un pouco máis, dado que a inscrición se pecha na xornada de mañá, martes.
Desde o Concello agradecen “o apoio de todos os colaboradores para que un ano máis, e xa van oito, a media maratón entre Ribadeo e As Catedrais se poida celebrar. E sobre todo temos que dar as grazas ao voluntariado porque son moi importantes no percorrido e sen os voluntarios e as voluntarias non poderíamos facer este evento, para o que necesitamos moita xente e moito apoio”.
E engaden que “agardamos que sexa unha grande fin de semana para o deporte, para gozar de Ribadeo, da súa paisaxe e da súa gastronomía. En definitiva, que este evento deportivo teña unha incidencia positiva e importante na economía local”.