O colectivo Tá en Artes organizará dúas exposicións dedicadas ao artista, unha delas no seu Mondoñedo natal, que se celebrará o 24 de marzo, e na que os seus exalumnos e exalumnas renderanlle unha homenaxe plástica na antiga casa cuartel, hoxe centro comarcal. A outra mostra terá lugar no Museo Provincial a finais de ano e será unha antolóxica de Juan Puchades.
Ademais haberá dúas exposicións dentro da Semana das Artes Plásticas no Cenima de Foz coa participación dos e das artistas da Mariña dentro do que se chama Escaparate da Arte da Mariña 2018 que comezará o 28 de marzo.
Por outra banda os centros escolares realizarán unha exposición conxunta onde os alumnos e alumnas mostrarán as reflexións plásticas a partires da figura do mestre. Esta mostra terá como espazo a antiga Casa de Administración de Sargadelos desde o 1 de xuño deste ano, e nela entregarase o primeiro Premio Juan Puchades Quilis para centros escolares da Mariña. Preto de 7.400 escolares e 2.000 profesores dos 30 centros da Mariña, xunto a máis de 150 artistas, están convocados neste 2018 para coñecer e homenaxear a figura de Juan Puchades Quilis.
Todas as actividades están patrocinadas pola Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, os Concellos de Mondoñedo, Foz e Cervo, e o IES San Rosendo de Mondoñedo.