O Concello de Cervo programa o tradicional desfile de Entroido, para o martes, 13 de febreiro.
Así o anunciaron o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, durante a presentación do evento, na que tamén estivo presente, Pilar Prieto, en representación do Centro de Iniciativas Turísticas (C.I.T.), que se encarga de organizar a Cea de Entroido.
O desfile partirá ás 18:00 horas da carpa instalada na Praza dos Campos, e os disfraces percorrerán a Avenida da Mariña, chegarán ata a Ría e ata o Pedregal, para rematar no punto inicial.
A Charanga Os Macanudos amenizará a Festa xa dende as 17:30 horas; e ao remate do desfile haberá venda de bolos preñados a cargo da Asociación A Rebolaxe; e a música correrá a cargo do Grupo Kalimea.
Repartiranse máis de 2000 euros en premios entre os mellores disfraces do seguinte xeito:
INDIVIDUAL: 1º premio infantil 40 euros, 2º premio infantil 20 euros, 1º premio adulto 40 euros, 2º premio adulto 20 euros.
GRUPO XUVENIL: 1º premio 200 euros, 2º premio 120 euros, 3º premio 70 euros.
PARELLAS: 1º premio infantil 70 euros, 2º premio infantil 35 euros, 1º premio adulto 70 euros, 2º premio adulto 35 euros.
COMPARSAS (máis de 9 persoas): Infantil (1º premio 250 euros, 2º premio 170 euros, 3º premio 90 euros; adulto (1º premio 250 euros, 2º premio 170 euros, 3º premio 90 euros).
GRUPOS (de 3 a 8 persoas): Infantil (1º premio 120 euros, 2º premio 90 euros, 3º premio 60 euros); adulto (1º premio 120 euros, 2º premio 90 euros, 3º premio 60 euros).
Os interesados en participar no desfile poderán anotarse na Casa da Cultura de San Ciprián, chamando ao t982.59.51.57; ou no correo casadacultura@concellodecervo.com, dende o luns 5 de febreiro, en horario de maña, e ata o venres 9 de febreiro incluído; e recibirán vales consumición para os establecementos hostaleiros locais.
Aceptaranse inscricións o luns, 12 de febreiro, na Casa da Cultura ata as 14:30 horas; e o mesmo día do desfile na Praza dos Campos, dende as 16:00 ata as 17:30 horas; pero sen dereito a vales.
Os participantes que desexen anotarse a partir das 17:30 horas do día do Desfile quedarán excluídos do concurso, pero poderán participar igualmente na marcha.
Os premios entregaranse na Praza dos Campos ás 21:30 horas; e todos os gañadores terán que recollelo co disfrace posto.
Os interesados en asistir á Cea de Entroido que organiza o C.I.T. poden facerse co seu ticket no propio local da entidade.