O cuarteto Lulavai actúa este sábado, 11 de maio, en Burela

Burela acollerá unha actuación do grupo Lulavai este sábado, 11 de maio, na Casa da Cultura ás 20:00 horas. O concerto está enmarcado na conmemoración do Día das Letras Galegas no municipio.

A agrupación, formada por catro mulleres, amosará nesta actuación a súa combinación de voces e arpas célticas. O despacho de entradas abrirá ás 20:00 horas do propio día 11 e o prezo das mesmas será de 4 euros.

Ademais de temas dos seus anteriores traballos discográficos, Lulavai presentará novas cancións sobre as que están a traballar de cara ao lanzamento do seu próximo disco. Durante algo máis dunha hora de música, o público desfrutará tanto de temas baseados no repertorio tradicional galego como de composicións propias.

Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz coñecéronse en 2005, ó tempo que formaban parte da orquestra folc Sondeseu, baixo a dirección do exmembro de Milladoiro e mestre de arpa Rodrigo Romaní. As súas inquedanzas leváronas a emprender en 2008 este proxecto musical. A súa andaina polos escenarios comezou ese mesmo ano, cando foron seleccionadas como finalistas no festival Cancioneiros, organizado pola Fundación Pedro Barrie de la Maza. A partir de aí comezan a traballar no que sería o seu primeiro CD, 'CorDasVerbas', editado por Sul Producciones no 2010. Con el percorrerán multitude de escenarios, desde Galicia ata o Pais Vasco, Portugal ou Francia, participando en importantes festivais nacionais e internacionais como o Festival de Lorient 2009, o Oito Maos e o Folkez Blaiz no 2011, o FolkSegovia 2013 ou o Arcu Atlánticu 2015. 'Lémbrame un soño' foi o seu segundo traballo, publicado en decembro de 2014 despois de lanzar o ano anterior o disco 'Solo muerdo por ti', en colaboración con Nena Daconte. Nel predominan as composicións propias.

No concerto deste sábado. as compoñentes de Lulavai intecalan as súas interpretacións en arpa celta, co uso de instrumentos de percusión, ao que hai que sumar a súa elaborada vestimenta e posta en escena.