O Concello de Mondoñedo pon en marcha un plan de actividades para a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro do 22 de decembro ao 28 de febreiro.

O Concello de Mondoñedo inicia un plan de actividades para a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro para o que a alcaldesa, Elena Candia, vén de nomear Coordinador de Actividades e Publicacións da mesma ao investigador e crítico literario Armando Requeixo.

O plan inicial de traballo deseñado para a Casa-Museo contempla diversas actividades a realizar no período que se estende entre as datas de nacemento (22 de decembro) e pasamento (28 de febreiro) do autor.

Ademais das conferencias baixo o nome ‘Cunqueiro aquí e acolá’, entre as  actividades previstas para levar a cabo atópase a publicación de materiais cunqueirianos que axuden a espallar e profundar na obra do autor; o inicio da Colección Selva de Esmelle ou a publicación dunha revista de estudos cunqueirianos.

A primeira das conferencias dunha serie que levará por título ‘Cunqueiro aquí e acolá’ procurará facerse coincidir coa data de nacemento do autor ou nos días inmediatos a esta. De igual modo, a última realizarase o día do seu pasamento ou en datas próximas ao mesmo. As intervencións poderán concretarse ben baixo a fórmula de conferencias individuais ou ben de mesas redondas de varios participantes, dependendo do que aconselle o tema e enfoque particulares de cada intervención. En calquera caso, o nome dos participantes –aínda sen concretar- serán comunicados coa debida antelación.

Tamén coa colaboración do Concello de Mondoñedo e a familia do escritor estase a preparar a edición dalgúns textos cunqueirianos que se darán a coñecer durante os eventos a celebrar coincidentes coas datas de nacemento e pasamento do escritor.
Coa edición dun ensaio do fillo do autor, o tamén escritor César Cunqueiro, quen porá en conexión a obra de Álvaro Cunqueiro e JoséLezama Lima, darase inicio á colección Selva de Esmelle na que se publicarán textos arredor de Cunqueiro e o seu mundo. E, a estas publicacións, haberá que engadir tamén a dunha revista de estudos cunqueirianos.
Colaboracións

A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro conta coa colaboración da familia do escritor e do Concello de Mondoñedo para o desenvolvemento de todas estas actividades; ademais da doutras institucións responsables da promoción da nosa lingua e da literatura nesta escrita, como a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e de institucións significadas no labor de custodia e promoción do legado de Cunqueiro, como a Fundación Penzol de Vigo.

Así, dende a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro manifestan a súa dispoñibilidade para colaborar con cantas entidades, institucións ou persoas estean interesadas en estudar e divulgar a figura do escritor que lle dá nome, convidando a poñerse en contacto co Concello de Mondoñedo para concretar posibles colaboracións.