O Concello de Foz organiza unha homenaxe aos profesionais esenciais durante a pandemia. Será mañá, venres, ás oito da tarde no Campo da Cabana, concretamente na praza Rosalía de Castro.
O acto, promovido pola Concellería de Relacións Institucionais e Axenda2030, consistirá no descubrimento dun monólito en tributo aos profesionais esenciais na pandemia. Estarán sanitarios, persoal de asistencias, membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, Policía Local, Protección Civil e traballadores de supermercados e de industrias esenciais.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pronunciará unhas palabras e haberá tamén unha peza musical interpretada con gaita galega “para recordar o importante que foi pasar xuntos e unidos como sociedade esa época tan complicada e que vai marcar un antes e un despois nas vivencias da Mariña e da sociedade en xeral”, explica o concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García.
O Concello de Foz móstrase tremendamente agradecido a todos estes profesionais e “hai que poñer en valor que nos momentos máis complicados e máis escuros para o noso devir os servizos públicos garantiron o noso futuro. Esa resiliencia que mostraron foi fundamental para que puideramos superar en gran medida esa situación complicada, que poidamos mirar ao futuro con un pouco máis de optimismo e que deamos pasos cara a unha normalidade que nos dea benestar e máis prosperidade”, engade Carlos García.