O Concello de Cervo conmemorará o Día da Muller con actividades os días 8 e 9 de marzo

O Concello de Cervo, en colaboración coas diferentes asociación de mulleres do municipio -Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa Alborada, Mulleres Rurais As Espalladoras e Mulleres en Igualdade- programa diferentes actos con motivo do Día Internacional da Muller, que foron consensuados nun encontro que mantiveron a alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, coas representantes destes colectivos, na Casa da Cultura. O sábado, 8 de marzo, está prevista unha andaina que partirá do Faro da Atalaia ata a Casa do Mar, ás 17:00 horas, e a continuación as persoas participantes poderán compartir un café e tamén desfrutar dunha exhibición de danza oriental. Xa o domingo 9 de marzo, ás 15:00 horas, está previsto o tradicional xantar no restaurante O Noso Lar. As interesadas poden mercar os seus tickets no propio establecemento.

Haberá agasallos sorpresa para todas elas. Ademais farase entrega dos trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís que se está xogar durante este mes e no que participan unha vintena de parellas. A xornada rematará con baile na Casa do Mar, a cargo do Dúo Dilema.

O Concello de Cervo anima a todas as mulleres do municipio a que se sumen aos diferentes actos programados nesa fin de semana “nunhas datas simbólicas nas que se visibiliza a loita pola igualdade de xénero e o empoderamento da muller en todos os ámbitos da vida”.