O Concello de Cervo celebrará a XXXII Festa do Ourizo o sábado 15 de marzo en San Ciprián

A XXXII edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 15 de marzo en San Ciprián. Para ese día están programadas diferentes actividades que “terán ao equinodermo como protagonista, como tributo á nosa cultura gastronómica e ao mar que nos rodea”, anuncia o Concello de Cervo.

A cita foi presentada pola tenente alcaldesa, Mali Méndez, o concelleiro Alfredo Fernández e por representantes da hostalería local e da asociación Mistura, que participan neste evento declarado de Interese Turístico Galego.

O programa arrincará ás doce do mediodía cun showcooking, que poderá ser seguido en directo polo público asistente que a continuación poderá degustar as tapas elaboradas polos chefs participantes. Ademais a asociación Mistura tamén ofrecerá desde o mediodía unha degustación de ourizo cocido na mesma carpa instalada na Praza dos Campos.

O día da festa os locais hostaleiros participantes -O Noso Lar, As Titas, Bodega de Ana, O Faro, A Penúltima, Maruxaina e Bar Habana- ofrecerán diferentes variedades aos visitantes durante toda a xornada.

O evento estará amenizado por diferentes agrupacións musicais, e xa pola tarde haberá pasarrúas da man das Charangas Europa e Santa Compaña. Xa pola noite, desde as 23:00 horas a amenizará a velada a orquestra Cordosom na Praza dos Campos.

O Concello de Cervo destaca que “esta festa é moito máis que un evento gastronómico; é unha celebración que nos permite compartir con veciños e visitantes a esencia do noso territorio nunha xornada para desfrutar e saborear este manxar do noso mar”. E pon en valor o traballo dos hostaleiros, que “coa súa creatividade e dedicación transforman ano tras ano o ourizo do mar en auténticas obras de arte culinario con receitas que non só respectan a tradición senón que tamén logran innovar e sorprender os nosos padais”.

Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a participar  nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa “para desfrutar dun dos produtos máis emblemáticos do noso litoral, declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008”.