O Concello de Cervo celebra o Día Internacional das Bibliotecas agasallando libros aos máis pequenos.
Deste xeito, o alumnado do primeiro curso de infantil recibiu, da man do rexedor, Alfonso Villares, e da edil de Educación, Dolores García Caramés, o libro personalizado “Os bolechas van a Cervo”.
Villares e Caramés tamén aproveitaron a acasión para animar aos/ás nenos/as a que, se aínda non o teñen, fagan o seu carné infantil, para retirar todo tipo de libros de balde das bibliotecas municipais.
Ademais, con motivo desta efeméride, este domingo, 27 de outubro, ás 12:30 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a representación teatral infantil “Antón e Tomasa: a cabaza encantada!”.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou neste día a importancia de adquirir hábitos de lectura desde as idades máis temperás, poñendo énfase no papel que desempeñan tamén as familias á hora de impulsar ás crianzas a desfrutar dos libros que “son un piar fundamental no seu desenvolvemento emocional e unhas das principais chaves á información, á cultura e tamén á fantasía”. Unha afección que nos permite desfrutar adentrándonos en novos mundos ao tempo que nos “proporciona ferramentas para coñecer e interpretar mellor e de xeito autónomo a nosa contorna social”.
Nesta mesma liña Caramés apuntou que “no día de onte vimos de retomar o Club de Lectura de Cervo, que iniciou a súa andadura o pasado curso, e que reunirá a todos/as aqueles veciños/as afeccionados á lectura cada mércores, ás 20:00 horas, na sala acristalada da Casa da Cultura”. Comezaron a ler a obra “Las puertas templarias”, de Javier Sierra. As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa ou as que desexen recibir máis información ao respecto poden facelo na Casa da Cultura (982 59 51 57)
O arquivo bibliográfico do Concello conta con máis de 15.000 volumes, entre as bibliotecas de San Ciprián e Cervo, que a día de hoxe superan os 700 socios.